Galicia notifica un caso illado de encefalopatía esponxiforme bovina (EEB) sen transcendencia para a saúde pública ou a sanidade animal

A cepa detectada no concello pontevedrés da Estrada é a forma atípica de EEB que aparece de forma natural e esporádica

O canal non entrou na cadea alimentaria e, polo tanto, non representou ningún risco para a saúde pública, nin tampouco cómpre adoptar medidas sanitarias preventivas

A aplicación do programa nacional plurianual de vixilancia, control e erradicación da encefalopatía esponxiforme bovina permite estas deteccións, sen afectación neste caso para o status sanitario de España nin de Galicia en canto á enfermidade
 

Santiago de Compostela, 7 de febreiro de 2023

A Consellería do Medio Rural notificou ao Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación, para o seu traslado á Organización Mundial da Sanidade Animal, a detección dun caso illado de encefalopatía esponxiforme bovina, da variante atípica, cepa tipo H, nun animal bovino de 22 anos de idade.

 O bovino afectado é un animal de raza conxunto mestizo, que pertencía a unha explotación de carne do concello pontevedrés da Estrada. O animal morreu na explotación, e o seu cadáver foi trasladado ao centro de destrución de cadáveres autorizado, onde previamente ao seu procesamento se tomou a correspondente mostra para diagnóstico de EEB. O bovino non entrou polo tanto na cadea alimentaria, polo que non existiu ningún risco directo nin indirecto para a saúde pública. 

A mostra foi enviada dende o Laboratorio de Sanidade e Produción Animal de Galicia ao Laboratorio de Algete, Laboratorio Nacional de Referencia das EETs, que confirmou o resultado positivo de EEB, comunicando que se trataba dunha cepa atípica tipo H. Conforme ao programa oficial de vixilancia desta enfermidade, os servizos veterinarios realizaron a correspondente investigación epidemiolóxica, comprobando que non existían outros animais vivos que compartisen ningún risco co animal afectado, polo que non é posible a aparición de novos casos vinculados a este foco, que polo tanto se considera como resolto. Tampouco cómpre adoptar outras medidas sanitarias preventivas.

 A forma atípica de EEB corresponde con formas naturais e esporádicas desta enfermidade que aparecen en todas as poboacións bovinas nunha taxa moi baixa. Estes casos, que se desenvolven de forma natural e sen vinculación co consumo de pensos contaminados nin outras causas coñecidas, detéctanse como resultado dunha vixilancia reforzada das encefalopatías esponxiformes transmisibles.

O último foco declarado de EEB en Galicia foi tamén un caso illado de EEB atípica nunha única res de máis de 18 anos, no ano 2019, no concello coruñés de Ortigueira. 

Esta enfermidade continúa a ser obxecto de vixilancia no marco do programa nacional plurianual de vixilancia, control e erradicación da encefalopatía esponxiforme bovina, que permitiu que se outorgara a España, desde o ano 2016, o estatuto de país de risco insignificante da aparición desta patoloxía. A existencia deste caso non afecta ao mantemento deste estatuto.

Data de actualización: 07/02/2023