O presidente do Goberno autonómico participou no Foro do xornal dixital El Debate

Rueda salienta a estabilidade da Xunta como garante da prosperidade de Galicia

Comprométese a que a comunidade galega vai seguir sendo “un exemplo de sentidiño” para o resto de España
 

Úrxelle ao comisionado do Corredor Atlántico do Noroeste que “se poña a traballar” tras cinco anos de espera para mellorar esta rede ferroviaria e poder triplicar o volume de mercancías
 

Advirte de que é unha “reclamación máis que xusta” a chegada do AVE a toda Galicia, cando estaba comprometida para o verán do pasado ano
 

Lamenta como “primeira oportunidade perdida” que dos 35.000 M€ en Pertes industriais do Fondos Next Generation “máis de 20.000 M€ estean sen mobilizar” e moitas empresas á espera de que se concreten
 

Subliña que a Xunta incrementou en 14 anos o orzamento para sanidade en 1.300 M€ e conta con 7.000 profesionais novos desde 2009
 

Madrid, 14 de febreiro de 2023

O presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, salientou hoxe a estabilidade da Xunta como garante da prosperidade de Galicia, á vez que se comprometeu á que comunidade vai seguir sendo “un exemplo de sentidiño” para o resto de España e tamén de “leal colaboración” coas demais administracións.

Así o asegurou na súa intervención no Foro do xornal dixital El Debate, onde incidindo nesa lealdade co resto de administracións, o mandatario lembrou o cumio en Santiago de Compostela de hai poucas semanas entre Galicia, Asturias e Castela e León para impulsar o Corredor Atlántico Noroeste “e dicirlle ao Goberno central que as cousas non se estaban a facer ben” para tirar proveito do potencial desta infraestrutura, que permitirá triplicar o volume de mercancías. Neste senso, salientou que “á media hora” de comezar este encontro e “tras cinco anos de espera” unha das súas reclamacións, a de nomear un comisionado, foi aceptada polo Executivo central.
 
“Isto demostra que por riba do ruído as cousas funcionan e que a unión fai a forza”, defendeu Rueda, quen inmediatamente urxiulle ao comisionado do Corredor Atlántico Noroeste “que se poña a traballar”.
 
Rueda tamén considerou unha “reclamación máis que xusta” a chegada do AVE a toda Galicia, xa que lamentou que esta conexión só está establecida con Ourense, cando o Goberno central a comprometera co resto de territorio galego para o verán do pasado ano. “Estamos en febreiro e non sabemos absolutamente nada”, reprobou, ao tempo que salientou o dato de que desde que, a alta velocidade chegou á cidade das Burgas, “subiu un 70% a utilización desta conexión entre Madrid e Galicia”. 

Primeira oportunidade perdida dos Fondos Next Generation

Rueda tamén alertou de que están “pasando os prazos” para facer uso dos Fondos Next Generation por parte das comunidades e urxiu ao Goberno central unha cogobernanza real. Neste senso, lamentou como “primeira oportunidade perdida” que dos 35.000 millóns de euros en Pertes industriais, “a día de hoxe 20.000 millóns están sen mobilizar” e moitas empresas con proxectos tractores potentes agardando a que se concreten.
 

“Non podemos seguir así, non van esperar eternamente”, reprobou, ao tempo que definiu como actitude de “Executivo do Hortelano” o feito que o Goberno de Pedro Sánchez “nin gasta nin deixa que gastemos os demais”.

En contraposición, garantiu que todos os fondos europeos que xestiona directamente Galicia vanse empregar “na súa totalidade”, aínda que advertiu das dificultades coas que se atopa a Administración autonómica, xa que -ao contrario do que apuntou que asegura o Goberno central- estas partidas veñen “moi condicionadas e con prazos que non teñen razóns de seu”.
 

Galicia conta con 1.300 M€ e 7.000 persoas máis en sanidade

Na súa intervención, Rueda tamén fixo mención á situación da sanidade, sobre a que considerou que, se en España ten unha “enorme calidade, en Galicia esta é en grao superlativo”. En todo caso, admitiu a necesidade de introducir melloras, porque “non todo funciona á perfección nalgo tan complexo”.
 

Por iso, defendeu o incremento por parte da Xunta de Galicia en 1.300 millóns de euros e de 7.000 profesionais máis no sector da sanidade durante os últimos 14 anos, á vez que salientou que baixaron os concertos do Sergas coa privada.

No entanto, para o presidente da Xunta o “problema fundamental” que ten a sanidade en Galicia -e que estendeu ao resto de comunidades- non é “económico”, senón de falta de médicos, especialmente en atención primaria. Un déficit de facultativos que lembrou que só o Goberno central, por ser competencia exclusiva, pode solucionar.
 

Por estes motivos, considerou que “non é de recibo” que o Goberno de España estea de “tertuliano” nesta materia e urxiulle ao Ministerio de Sanidad que convoque máis prazas MIR, “que non son suficientes” e apuntou o dato de que se contaría con 4.000 médicos máis en España se chegase a producirse este incremento. Do mesmo xeito, volveu insistir na necesidade de que se cree a especialidade de Urxencias, xa que explicou que o 30 por cento dos profesionais que fan a súa formación en atención primaria acaban indo a traballar a Urxencias.

Rueda lamentou que o Goberno central “se negue a dar solucións sistematicamente” ás reclamacións que desde Galicia e outras comunidades se lle fai en materia de sanidade. “Empezo a pensar que a inactividade e a postura de tertuliano ten que ver con desgastar aos gobernos do PP”, engadiu a continuación.
 

Ante este comportamento, Rueda insistiu na actitude de colaboración institucional que mantén a Xunta de Galicia. “Non queremos chocar por chocar, queremos chegar a acordos”, defendeu. E por iso, comprometeuse a que o Goberno galego “seguirá traballando a pesar das dificultades” nesta dirección.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/02/2023