A Xunta amosa o seu apoio ao ciclismo como potencial escaparate turístico de Galicia durante a saída de “O Gran Camiño”

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participaron hoxe na saída da segunda etapa da proba ciclista

Tui (Pontevedra), 24 de febreiro de 2023 A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participaron na saída da segunda etapa de O Gran Camiño, a proba ciclista do calendario UCI Europa que está tendo lugar na nosa Comunidade.

Esta proba é unha mostra do apoio da Xunta polo cicloturismo e polo seu potencial para a diferenciación da oferta turística galega, como demostrou coa creación das roteiros BTT, a Rede Eurovelo, que coincide co itinerario do Camiño Francés e da Vía da Prata.

O Gran Camiño consta de catro etapas que discorren polas catro provincias. En total máis de 500 quilómetros pedaleando pola nosa Comunidade, algo que, indicou a directora de Turismo de Galicia, fomentará a visibilidade da Comunidade como un lugar único para practicar este deporte.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/02/2023