A Xunta adxudica por máis de 225.000 € as obras da nova senda na estrada autonómica AC-524 en Frades
Habilitarase un itinerario peonil de 770 metros na marxe esquerda da vía que permitirá desprazamentos máis cómodos e seguros entre os núcleos de Pibideira, O Pazo e Sobre dos Campos, ademais de continuar pola senda da travesía da Abellá
Esta intervención comezará a finais de marzo e o obxectivo é tela rematada no verán
No treito da actuación, a estrada contará con dous carrís de 3,5 metros; beiravía de 1,4 metros; senda de 2,5 metros de ancho; e gabia transitable de 1,20 metros, o que redundará en maior seguridade
A Xunta aposta pola mobilidade segura, menos contaminante e máis beneficiosa para a saúde, que xa levou a poñer á disposición dos galegos máis de 200 km de sendas grazas a un investimento autonómico de máis de 50 M€
Santiago de Compostela, 25 de febreiro de 2023 A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade adxudicou por 225.945 euros a execución das obras da nova senda na estrada AC-524 no concello de Frades.
Trátase dun itinerario que lle permitirá aos veciños facer os seus desprazamentos cotiás entre os núcleos de poboación de Pibideira, O Pazo e Sobre dos Campos, e continuar logo pola senda actual da travesía da Abellá, de forma cómoda, segura e saudable.
Os traballos, adxudicados á empresa Cosmalca S.L., comezarán a finais de marzo e terán un prazo de execución de 4 meses, co fin de que no verán os veciños de Frades poidan desfrutar desta nova senda peonil.
O novo itinerario que se executará terá 770 metros de lonxitude e permitirá a conexión do núcleo rural de Pibideira cos do Pazo e Sobre dos Campos. A nova senda desenvolverase pola marxe esquerda da estrada, dando continuidade á xa existente na travesía de Abellá.
Nas zonas de cruce con outras vías empregarase pavimento podotáctil, de cor e textura diferente, que advertirá da proximidade a ese cruzamento de vías. Nos pasos de peóns, colocarase tamén pavimento podotáctil, indicativo para facilitar o tránsito das persoas con problemas de visión.
Como obras complementarias á execución da propia senda realizaranse traballos de drenaxe das augas pluviais; a preinstalación para o alumeado público; e a reposición dos servizos e sinais que se vexan afectados na intervención.
A actuación do departamento de Infraestruturas da Xunta conta con financiamento da Unión Europea dos fondos REACT EU de resposta contra a pandemia.
A nova senda en Frades enmárcase na aposta da Xunta pola mobilidade segura, menos contaminante e máis beneficiosa para a saúde, que xa ten permitido poñer á disposición dos galegos máis de 200 km de sendas grazas a un investimento autonómico superior aos 50 M€.