A Xunta amplía ata o vindeiro 27 de marzo o prazo de solicitude das axudas para a incorporación da mocidade ao agro, plans de mellora e o desenvolvemento de pequenas explotacións
As achegas, que contan cun orzamento de 38,8 millóns de euros, procuran acadar un rexuvenecemento da poboación activa agraria e o fomento do emprego no sector, con especial consideración cara ás mulleres, co fin último de fixar poboación no rural
Este ano tamén se reserva un 10 % do orzamento para as persoas solicitantes que estean incluídas no desenvolvemento dun proxecto de aldea modelo ou polígono agroforestal
Santiago de Compostela, 27 de febreiro de 2023 O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde pola que se amplía o prazo de presentación de solicitudes das axudas da Consellería do Medio Rural para apoiar os investimentos nas explotacións agrícolas, para a creación de empresas de agricultores mozos e para o desenvolvemento de pequenas explotacións. Deste xeito, os interesados teñen ata o vindeiro 27 de marzo para presentar as solicitudes para estas achegas, que contan cun orzamento de 38,8 millóns de euros.
Estas axudas teñen como obxectivo garantir a continuidade do tecido agrario, así como incrementar a competitividade das explotacións mediante a súa modernización. Trátase dunha das ordes máis destacadas da Consellería, tanto polo seu importe como polo número de beneficiarios. Ademais, cabe indicar que a liña de incorporación de mozos está integramente financiada co Instrumento de Recuperación da Unión Europea (EURI), mentres que as outras dúas liñas están cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).
Actividades subvencionables
No que se refire ás achegas para a incorporación de mozos ao agro, poderán beneficiarse delas persoas con máis de 18 anos que non teñan cumpridos os 41 na data de presentación da solicitude. Deben comprometerse, ademais, a manter a actividade durante un mínimo de cinco anos. Subvencionaráselles a execución do plan empresarial cunha contía básica establecida en 25.000 euros, que poderá incrementarse en determinados casos dependendo, por exemplo, do volume de gasto dedicado á posta en marcha da nova explotación, da creación de emprego adicional a tempo completo ou do feito de instalarse nunha zona con limitacións naturais ou doutro tipo.