O conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades inaugura as II Xornadas de Ensinanzas Artísticas

A Xunta exhibirá o potencial das ensinanzas artísticas, de idiomas e deportivas en Galicia na primeira feira Innovart

Román Rodríguez avanza que este evento será en abril un escaparate de promoción e difusión desas ensinanzas, dirixido aos estudantes e ao público en xeral

Destaca o labor “comprometido e implicado” dos máis de 800 docentes que “proporcionan unha formación artística de calidade” a 6.000 alumnos en 16 centros

Lamenta que o Goberno do Estado estea actualizando unha nova normativa destas ensinanzas sen diálogo coas comunidades autónomas

Santiago de Compostela, 3 de marzo de 2023 A Xunta de Galicia está organizando a feira InnovArt, a primeira feira de Ensinanzas Artísticas en Galicia que se celebrará o vindeiro mes de abril, tal e como anunciou o conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez, con motivo da inauguración das II Xornadas de Ensinanzas Artísticas que se desenvolven entre hoxe e mañá no Conservatorio Profesional de Música de Santiago baixo o lema Proxectos innovadores e de investigación.

O titular de Educación do Goberno galego avanza que esta feira está configurada como “un grande evento de promoción das ensinanzas artísticas, de idiomas e deportivas”, coa exposición de material divulgativo e actividades interactivas como obradoiros, concertos de música ao vivo e conferencias. “Un evento imprescindible que, de seguro, servirá para espertar novas vocacións académicas entre o alumnado”, abondou.

Tanto esta nova feira InnovArt como as Xornadas de Innovación e Investigación de hoxe son algunhas das accións que está desenvolvendo a Xunta de Galicia para potenciar e visibilizar as ensinanzas artísticas nos 16 centros (conservatorios e escolas de Arte e deseño, de Arte Dramática e de Conservación e Restauración de Bens Culturais) que hai en Galicia, unha opción académica que cursan arredor de 6.000 alumnos.

Propostas para impulsar estas ensinanzas

Román Rodríguez lembrou que o seu departamento leva tempo traballando “nunha folla de ruta con propostas específicas” para impulsar esta modalidade formativa académica como a constitución do Consello Galego de Ensinanzas Artísticas, un órgano de asesoramento a nivel normativo e académico, ou a posta en marcha do PluriArt, o modelo plurilingüe nas ensinanzas de artes plásticas e deseño que se imparten nas escolas de arte e superiores de Deseño Pablo Picasso da Coruña e Ramón Falcón de Lugo.

Na súa intervención aproveitou para agradecer o traballo “implicado, creativo e comprometido” dos máis de 800 docentes que traballan nestes centros “proporcionando unha formación artística de calidade e garantindo a cualificación dos futuros profesionais que nutren a canteira da cultura en Galicia”.

Marco normativo estatal

O conselleiro aproveitou a súa intervención para referirse á nova lei estatal de Ensinanzas Artísticas, un texto que lembrou que o Goberno do Estado está configurando “sen o respaldo dun traballo técnico coas achegas das administracións implicadas, que somos as que temos que aplicar a normativa”.

Neste senso, lembrou que Galicia reivindica a equiparación “efectiva e real” dos titulados das Ensinanzas Artísticas Superiores cos titulados universitarios, “un recoñecemento que -dixo- está recollido desde o punto de vista legal pero non así na práctica”, así como un “marco común que confira seguridade a todos, e principalmente aos estudantes”.

Programa das xornadas

Logo da apertura oficial por parte do conselleiro, as xornadas continúan entre hoxe e mañá con distintos relatorios que abordan cuestións como iniciativas para o futuro das ensinanzas artísticas, a investigación nos ámbitos da música, da danza, da arte dramática e da conservación e restauración de bens, nos que participan representantes de centros de Galicia e de fóra.

A xornada de mañá sábado abriraa Noé Valtierra Pereiro, egresado da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia en Pontevedra e actualmente investigador predoutoral do Insituto Catalán de Paleoecoloxía Humana e Evolución Social.

Ese mesmo día o acto de clausura será un concerto a cargo de Mencía Resch Pérez, egresada do Conservatorio Superior de Música da Coruña e que actualmente cursa o máster en frauta travesa no Conservatorio de Maastricht. Ademais, Mencía Resch acadou o primeiro premio nos XVII Premios á excelencia musical Mans Futuro 2022, que organiza a Fundación Paideia Galiza en colaboración coa Xunta.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/03/2023