A Xunta elimina un punto de vertido de augas residuais no lugar do Sequelo cara ao río Lameira, no concello de Marín

Os técnicos do Programa de Control de Vertidos, dependente de Augas de Galicia, iniciaron as inspeccións tras as notificacións do 112

O foco tiña a súa orixe nun pozo de rexistro que forma parte da infraestrutura de saneamento municipal que discorre polo leito do curso fluvial do río

Augas de Galicia comunicoulle a situación ao Concello, que acometeu a reparación do colector que amosaba a incidencia, o que permitiu o cese do vertido
 

Santiago de Compostela, 9 de marzo de 202

3 A Xunta eliminou un punto de vertido de augas residuais urbanas no lugar do Sequelo cara o río Lameira, no concello de Marín.

As actuacións iniciáronse no transcurso da inspección levada a cabo por parte dos técnicos do Programa de Control de Vertidos, dependente de Augas de Galicia, tras a notificación dun vertido recibida desde o Servizo de Emerxencias do 112.

Os técnicos da Xunta desprazados á zona identificaron a orixe nunha deficiencia dun pozo de rexistro que forma parte da infraestrutura de saneamento municipal que discorre polo curso fluvial do río.

Augas de Galicia comunicoulle a situación ao Concello de Marín para que procedese a adoptar as medidas necesarias para emendar o foco contaminante.

Nunha nova inspección á zona, os técnicos da Xunta verificaron que a reparación do colector que amosaba a incidencia, levada a cabo pola entidade local, permitiu a emenda do vertido.

Data de actualización: 09/03/2023