A Xunta enxalza o papel da paisaxe como elemento vertebrador do rural galego
Enrique de Salvador fai fincapé no traballo desenvolvido polo Concello de Vedra a prol da protección da súa riqueza paisaxística
Incide en que a paisaxe é un patrimonio dinámico, vivo e cambiante, e manter os seus valores é responsabilidade de todos
A Xunta enxalza o papel da paisaxe como elemento vertebrador do rural galego durante a celebración da xornada Valores sociais comúns e tradicións etnográficas, culturais e históricas en relación á labranza e á viticultura no rural europeo, celebrada en Vedra no marco do proxecto winEU.rur CERV-2022-CITIZENS-TOWN.
Segundo dixo o director do Instituto de Estudos do Territorio, Enrique de Salvador, “a paisaxe ten unha dimensión global de interese xeral para a Comunidade galega polo que transcende aos campos ambientais, culturais, sociais e económicos”.
E, nesa liña, puxo en valor o Plan estratéxico da paisaxe galega 2021-2024, que ten como obxectivos fundamentais o desenvolvemento e actualización de instrumentos para a protección, xestión e ordenación da paisaxe; a realización de accións concretas para a súa potenciación e mellora, así como avanzar na concertación e colaboración interadministrativa neste eido.
A maiores, a Xunta establece e executa unha metodoloxía de traballo para o seguimento do estados das paisaxes galegas e leva a cabo actuacións para formar, sensibilizar e educar nesta materia.
Durante a súa intervención, De Salvador fixo fincapé no traballo desenvolvido polo Concello de Vedra a prol da protección da súa riqueza paisaxística. De feito, salientou que o municipio conta con áreas de indubidable interese desde o punto de vista da conservación do patrimonio natural e con preto de 400 elementos patrimoniais con valor arquitectónico, artístico e etnográfico, incluído un ben de interese cultural -o pazo de Santa Cruz de Ribadulla-.
Ademais, explicou que Vedra é un municipio no que os núcleos rurais presentan características comúns ás dos vales do viño, nos que, por exemplo, resulta de especial interese a integración paisaxística dos diferentes tipos de valados.
Tamén, puxo en valor tanto as áreas de especial interese paisaxístico coas que conta este municipio -a carballeira de Bando, o río Ulla, a fervenza do Toxa-Carboeiro e o Baixo Ulla-O Xirimbao-, os miradoiros de Ponte Gundián e do Pico Sacro e a ruta cicloturística polo Val do Ulla.
Para concluír, o director do IET incidiu en que “a paisaxe é un patrimonio dinámico, vivo e cambiante, e manter os seus valores é responsabilidade de todos”.