O presidente da Xunta destaca o rexurdimento do rural galego da man do I+D e da sustentabilidade dos recursos naturais
Salienta a modernización do agro galego e o incremento de proxectos empresariais que compaxinan a innovación co respecto polo medio ambiente
Subliña o compromiso da Xunta co sector primario a través das estratexias sectoriais ou os case 70 M€ en axudas para aumentar a competitividade das explotacións ou transformar e comercializar os produtos agrarios
Destaca importantes avances lexislativos coma a Lei de recuperación da terra agraria ou a futura Lei da calidade alimentaria
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou esta tarde o rexurdimento do rural galego da man da I+D e da sustentabilidade dos recursos naturais. Durante a entrega do XXIII Premio Aresa de Desenvolvemento Rural -que se celebrou na facultade de Veterinaria de Lugo e que recoñeceu á Casa Grande de Xanceda-, Rueda subliñou o proceso de modernización que está a vivir nos últimos anos o agro galego.
Un total de 17 iniciativas optaban este ano a ser recoñecidas por este galardón, o que para Rueda é unha mostra da consolidación de proxectos empresariais innovadores e respectuosos co medio ambiente na comunidade.
Nesta liña, resaltou que Casa Grande de Xanceda é un bo exemplo da nova cultura gandeira que aposta por ofrecer produtos novidosos e de calidade sen renunciar a combinar a actividade industrial con outros aproveitamentos dos recursos agroambientais para fins turísticos ou educativos. Trátase dunha empresa familiar referente no eido ecolóxico que ten previsto ampliar as súas instalacións e construír unha nova planta de biogás. Un proxecto que a Xunta declarou iniciativa empresarial prioritaria o pasado mes de xaneiro.
Durante a súa intervención, Rueda subliñou o compromiso da Xunta cun sector tan importante para a economía galega como o agrogandeiro. Nesta liña, lembrou as estratexias sectoriais en marcha para o sector lácteo, vitivinícola ou cárnico; os case 40 millóns de euros destinados este ano a plans de mellora, incorporación de mozos ao agro e creación de pequenas explotacións ou os 30 millóns para impulsar a transformación e comercialización de produtos agrarios.
Ademais resaltou a importancia da Lei de recuperación da terra agraria -que impulsa a posta en valor de parcelas abandonadas ou en desuso- e a futura Lei da Calidade Alimentaria que vai ser un pulo sen precedentes para a promoción e protección dos produtos con selo de calidade.
Visita ao Campus Terra
Antes da entrega do XXIII Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, o presidente da Xunta visitou varias das instalacións do Campus Terra que a Universidade de Santiago ten en Lugo como a Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias, o hospital veterinario Rof Codina ou a aula de simulación da facultade de Veterinaria.