A Xunta porá en valor este domingo na feira Prowein de Alemaña o bo facer das 67 empresas galegas que promocionan os seus viños

O conselleiro do Medio Rural e o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria achegaranse a esta feira para apoiar coa súa presenza as adegas galegas participantes

Trátase do certame máis importante do sector do viño en Europa e celébrase entre o 19 e 21 de marzo na localidade de Düsseldorf

Na pasada edición participaron unhas 5.800 empresas provenientes de 62 países, o que supuxo un fluxo de 38.000 profesionais procedentes de ata 145 países

Santiago de Compostela, 17 de marzo de 2023

Un total de 67 empresas galegas promocionarán os seus viños de calidade na feira Prowein de Alemaña, que se celebrará entre o 19 e 21 de marzo na localidade de Düsseldorf. Estarán acompañadas dos seus respectivos consellos reguladores e contarán o vindeiro domingo co apoio do conselleiro do Medio Rural, José González, e do director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos.

 

Así, o consello regulador da denominación de orixe Rías Baixas estará presente cunha caseta propia, onde organizará un túnel do viño, no cal participarán 94 marcas de 54 adegas. Ademais, están un total de 11 adegas coexpositoras. A denominación de orixe Ribeiro tamén contará cun posto propio onde se exporán ata 25 referencias de viños brancos e tintos. Así mesmo, participan tamén nesta feira -con caseta propia- un total de oito empresas desta denominación. O consello regulador de Valdeorras acode ao certame da man de 15 empresas coexpositoras, mentres que o de Ribeira Sacra o fai con 19 adegas. Por último, a denominación de orixe Monterrei levará mostras de 14 adegas que exporá no seu posto.

 

A feira Prowein está centrada no sector do viño e outras bebidas espirituosas, dirixida exclusivamente a un público profesional. Así, os visitantes que acoden son expertos compradores das distintas canles de distribución (almacenistas, industria hostaleira, cátering, retallista especializado, importadores, grandes cadeas de distribución, etc.). Na pasada edición participaron unhas 5.800 empresas provenientes de 62 países, o que supuxo un fluxo de 38.000 profesionais procedentes de ata 145 países. Dese xeito, consolídase como a feira máis importante do viño en Europa e unha das máis relevantes a nivel internacional.

Data de actualización: 17/03/2023