A Xunta aumenta case un 9 % a dotación do circuíto ‘Cultura no Camiño’ para ampliar a oferta dos concellos das Rutas Xacobeas

As entidades locais xa poden solicitar axudas para programar espectáculos galegos de artes escénicas e musicais entre o 15 de xuño e o 31 de agosto


A iniciativa mantén como prioridade na súa 11ª edición a dinamización cultural das localidades polas que discorren os diferentes camiños de Santiago e o fomento da contratación formacións artísticas profesionais con sede en Galicia
 

O reforzo deste programa intégrase no Plan Xeración Cultura do Goberno galego cun investimento de 34 M€ para levar a cabo 57 accións en 2023
 

Santiago de Compostela, 19 de marzo 2023

A Xunta de Galicia abre o prazo de solicitude das axudas do programa Cultura no Camiño para concellos polos que discorren as diferentes Rutas Xacobeas co fin de programar espectáculos galegos de artes escénicas e musicais entre o 15 de xuño e o 31 de agosto. A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades amplía ata 250.000 euros a dotación desta convocatoria, contía que supón un aumento de case o 9 % respecto ao ano pasado.

O reforzo desta iniciativa intégrase no Plan Xeración Cultura 2023 a través do que o Goberno galego está a desenvolver unha batería de 57 accións, cun investimento de 34M€ en resposta ao bo momento creativo e profesional do sector co fin de continuar co seu crecemento e de contribuír á súa preparación para enfrontar novos retos. En concreto, as redes de distribución de espectáculos promovidas pola Xunta intégranse no primeiro dos cinco eixes do plan baixo o epígrafe de acceso universal á cultura.

No caso de Cultura no Camiño, o seu orzamento destínase integramente a cofinanciar a contratación de actuacións de teatro, música, danza, circo e maxia, en diferentes porcentaxes segundo o número de habitantes do concello solicitante. A Xunta asume ata o 50 % do custo dos espectáculos en municipios de menos de 20.000 habitantes, cunha contía máxima de 2.500 euros por adxudicación, e ata o 40 % nas entidades que superen esta poboación, cun límite de 3500 euros por axuda. 

Vinte días máis de programación

Así se recolle nas bases publicadas no Diario Oficial de Galicia que, ademais do aumento económico, amplía en 20 días o período de programación fronte ao ano pasado, no que o circuíto ofreceu 292 citas escénicas e musicais do 15 de xullo ao 10 de setembro en 88 concellos das catro provincias.

Como en edicións anteriores, a súa concesión seguirá o procedemento de concorrencia non competitiva de xeito abreviado, de acordo co que as subvencións se outorgarán por orde de entrada ben ata a fin do prazo o vindeiro 17 de abril ben ata o esgotamento do crédito. Poderán optar a elas tanto os concellos dos Camiños de Santiago a título individual como conxuntamente en forma de agrupación, asociación, mancomunidade, fusión ou similar. 

Catálogo de espectáculos

Para configurar a súa programación ao abeiro de Cultura no Camiño 2023, cada entidade subvencionada deberá programar un mínimo de dúas actuacións a partir dun catálogo específico cos espectáculos que se están a rexistrar na convocatoria aberta o pasado día 13 pola Axencia Galega das Industrias Culturais para compañías escénicas e grupos de música profesionais con sede en Galicia. O prazo para esta inscrición de propostas artísticas a través da plataforma galescena.gal finaliza o vindeiro día 29 de marzo.

Cultura no Camiño celebra en 2023 a súa undécima edición mantendo como prioridade a dinamización cultural das localidades polas que discorren os camiños de Santiago ao seu paso por Galicia, focalizada nos meses de maior afluencia tanto de peregrinos como de visitantes. Ao tempo, contribúese á descentralización da oferta cultural galega e favorécese a contratación de espectáculos producidos en Galicia de xeito profesional.
Data de actualización: 19/03/2023