A Xunta adxudica por preto de 890.000 € a mellora do firme en 3 estradas autonómicas nos concellos de Arzúa, Boqueixón, Lousame e Touro

Acondicionarase o firme en varios treitos das estradas AC-207, AC-308 e AC-960, que discorren por estes concellos da provincia da Coruña

O obxectivo é comezar as obras na segunda quincena de abril para telas rematadas neste ano, xa que contan cun prazo de execución de seis meses

Os traballos consistirán en realizar fresados e reposicións con mestura bituminosa en quente, ademais da renovación da sinalización horizontal

A Xunta continúa traballando na mellora da rede viaria autonómica co fin de proporcionarlles aos cidadáns unhas estradas cómodas e seguras

Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2023 A Xunta adxudicou por 887.280 euros a execución das obras de mellora do firme en 3 estradas autonómicas ao seu paso polos concellos de Arzúa, Boqueixón, Lousame e Touro.

As actuacións, adxudicadas á empresa Nemesio Ordoñez S.A., permitirán a rehabilitación do firme en varios treitos das estradas AC-207, AC-308 e AC-960, que discorren polos citados concellos da provincia da Coruña.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade traballa coa previsión de comezar as obras na segunda quincena de abril, co fin de telas rematadas neste mesmo ano, xa que contan cun prazo de execución de 6 meses.

Os traballos obxecto deste contrato consistirán en realizar fresados localizados nos treitos de actuación e na reposición con mestura bituminosa en quente, ademais da renovación da sinalización horizontal.

A Xunta continúa traballando na mellora da rede viaria autonómica co fin de proporcionarlles aos cidadáns unhas estradas cómodas e seguras.

Data de actualización: 22/03/2023