A Xunta destina 525.000 € aos nove concellos do Condado e A Paradanta ao abeiro do Plan de mellora de camiños rurais 2023-2024

O delegado territorial en Pontevedra, Luis López, informou desta resolución da Consellería do Medio Rural nunha dobre visita de supervisión ás obras realizadas coa anterior convocatoria en Lougares e Vilar, no Concello de Mondariz, e en Escobeiro, en Mondariz-Balneario

A nova distribución económica deste programa contempla 45.696 € para Arbo, 88.398 € para A Cañiza, 77.678 € para Covelo, 48.191 € para Crecente, 55.076 € para Mondariz, 29.523 € para Mondariz-Balneario, 58.890 € para As Neves, 65.276 € para Ponteareas e 55.166 € para Salvaterra

O Concello de Mondariz dispuxo, ao longo dos últimos anos, de preto de 300.000 € ao abeiro deste programa de investimentos para a mellora de infraestruturas viarias rurais en 17 aldeas, mentres que Mondariz-Balneario recibiu 101.000 € para 8 pistas

Mondariz, 3 de abril de 2023

A Xunta de Galicia, a través da Consellería do Medio Rural, destina unha achega de 524.624 euros a prol dos nove concellos das bisbarras do Condado e A Paradanta ao abeiro do Plan de mellora de camiños rurais 2023-2024.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, informou hoxe da resolución para esta zona nunha dobre visita a Mondariz, onde supervisou as obras realizadas nos viais de Lougares e Vilar, e a Mondariz-Balneario, onde fixo o propio na contorna do Escobeiro, grazas aos fondos concedidos coa anterior convocatoria.

Nas mesmas estivo acompañado polo  xefe territorial do Medio Rural, Antonio Crespo, e os alcaldes Xosé Emilio Barros e José Antonio Lorenzo, aos que confirmou que a dotación deste programa para os seus concellos sitúase este ano en 55.076 euros no caso de Mondariz e de 29.523 euros no de Mondariz-Balneario, o que supón un lixeiro incremento con respecto ao exercicio precedente.

“A Xunta vai colaborar cos concellos do Condado e A Paradanta, como todos os anos, e prevé inxectar uns 525.000 euros nesta bisbarra para a mellora dos seus camiños municipais de uso agrícola, algo que é fundamental para axudarlles a facilitar a súa mobilidade interna e tamén a destinada a estas tarefas do agro. Ademais, a aposta polo apoio aos concellos volve saír reforzada, posto que se consolida o forte incremento de entre o 20 % e o 30 % aplicado o ano anterior”, sinalou o representante autonómico.

En concreto, a resolución da Consellería do Medio Rural distribuirá, na comarca do Condado, os citados 55.076 euros para Mondariz e 29.523 euros para Mondariz-Balneario, 58.890 euros para As Neves, 65.276 euros para Ponteareas e 55.166 euros para Salvaterra do Miño.

No caso da bisbarra da Paradanta, as achegas serán de 45.696 euros para Arbo, 88.398 euros para A Cañiza, 77.678 euros para Covelo e 48.191 euros para Crecente. Precisamente hoxe finaliza o prazo de solicitude.

Visita a Lougares, Vilar e Escobeiro

Nas súas visitas, o delegado territorial acudiu a supervisar as obras de pavimentación de camiños en Lougares, Vilar e Escobeiro, que foron executadas coas achegas do Plan Marco 2022-2023. Estas actuacións consistiron na renovación do firme en diversos tramos, que se atopaban deteriorados pola antigüidade da capa asfáltica, a carga de tráfico e os efectos da meteoroloxía, e outras pequenas melloras.

Ademais, Luis López lembrou que o Concello de Mondariz recibiu nos últimos anos, ao abeiro deste programa de investimentos da Consellería do Medio Rural, unha contía global de case 300.000 euros, o que lle permitiu actuar en ata 17 pistas municipais nos lugares de Vilasobroso, Gargamala, Toutón, Cernadela, O Costal, O Couto, Cavada Nova, Graxal, Saniñáns, Penalonga, Brea ou Sabaxáns. Pola súa banda, Mondariz-Balneario contou con algo máis de 100.000 euros do Plan Marco nestes exercicios para actuar en oito vías municipais.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/04/2023