A Xunta remata as obras de mellora da mobilidade peonil na estrada autonómica PO-315 en Aldán, no Concello de Cangas

A actuación, cun investimento de máis de 265.000 €, busca favorecer a seguridade dos usuarios e unha mobilidade máis sustentable

A intervención mellorou os percorridos peonís con beirarrúas e unha pasarela e reordenou as interseccións de acceso á praia de San Cibrán e ás paradas de autobús

Na parroquia de Dardo acometéronse tres actuacións puntuais para dar continuidade á beirarrúa existente

Santiago de Compostela, 12 de maio de 2023

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade rematou as obras de mellora da mobilidade peonil na estrada PO-315, no concello de Cangas.

 

A actuación, cun investimento autonómico de máis de 265.000 euros, permite reforzar a seguridade e a comodidade dos usuarios ao tempo que favorece unha mobilidade máis sustentable na zona.

 

Concretamente, os traballos executados desenvolvéronse entre os puntos quilométricos 10+100 e 10+380 ao seu paso pola parroquia de Aldán. Centráronse, principalmente, en mellorar os percorridos peonís, con novas beirarrúas accesibles e unha pasarela peonil aparellada a un pontón sobre o río para permitir a continuidade.

 

Acometeuse, ademais, a reordenación das interseccións de acceso á praia de San Cibrán, dos pasos de peóns e das paradas de autobús, xunto coa renovación da rede de pluviais e o alumeado.

 

Nun segundo treito da intervención, entre os puntos 13+200 e o 13+550, executáronse tamén tres actuacións puntuais para dar continuidade á beirarrúa existente, na parroquia de Darbo. Para isto, construíuse en cada caso un pequeno muro de espigón.

 

As obras foron financiadas con fondos europeos REACT EU como parte de resposta da Unión Europea á pandemia da covid-19 dentro do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020.

 
 

Como actuación complementaria ao remate desta intervención, o departamento de Infraestruturas da Xunta ten previsto, nos vindeiros días, habilitar un paso de peóns adicional que facilite o acceso ao Bosque Encantado de Aldán, así como á rúa Camiño da Costa.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/05/2023