A Xunta abre o prazo para que os centros educativos soliciten os cursos de linguas estranxeiras fóra do horario lectivo e as seccións bilingües

A través do programa Cuale, o alumnado pode preparar as probas de certificación das escolas oficiais de idiomas en inglés, francés, alemán e portugués

As seccións permiten organizar o ensino dunha área ou materia non lingüística nunha lingua estranxeira polo menos durante o 50% do seu horario lectivo

Enmarcadas na Estratexia Edulingüe 2030, ambas iniciativas supoñen reforzar a aprendizaxe de linguas estranxeiras a través de formación complementaria nas aulas
 

Santiago de Compostela, 14 de maio de 2023

A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades vén de publicar no Diario Oficial de Galicia as convocatoria dos programas de cursos para a formación complementaria en linguas estranxeiras do alumnado (Cuale) e de seccións bilingües para o curso 2023/24. O obxectivo destas dúas iniciativas da Xunta é que o alumnado mellore as súas competencias en outros idiomas desde o seu propio centro educativo, no marco da Estratexia Galega de Linguas Estranxeiras, Edulingue 2030.

No caso do programa Cuale, que se oferta en inglés, francés e alemán e portugués, vai dirixido a que o alumnado de centros públicos integrados, institutos de Educación Secundaria e centros integrados de FP poida preparar as probas de certificación das escolas oficiais de idiomas dos niveis das ensinanzas especializadas de idiomas.

Os cursos de linguas estranxeiras, totalmente de balde para as familias, desenvolverase fóra do horario lectivo ao longo do curso escolar e impartiranos profesores do propio centro, que tamén realizarán os exames correspondentes ao remate do curso. Existen catro modalidades diferentes, correspondentes aos niveis A1, A2, B1 e B2 do Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas.

Así, poderán cursar a modalidade Cuale A1 os estudantes que superasen todas as materias de 2º da ESO e que estean matriculados en 3º, mentres que Cuale A2 está dirixida ao alumnado que superase todas as materias de 3º da ESO e estea matriculado en 4º curso, así como aos inscritos en ciclos de FP de grao medio de menos de 2.000 horas. Cuale B1 vai dirixido ao alumnado de Bacharelato, de ciclos de grao medio de FP de 2.000 horas e de grao superior de menos de 2.000 horas. As modalidades Cuale B2 serán para o alumnado de Bacharelato, ciclos de FP de grao superior de 2.000 horas, e para os que dispoñan do certificado del nivel intermedio das escolas oficiais de idiomas ou outros certificados do nivel B1.

A superación das probas ao remate do curso supón a expedición por parte do centro dun certificado, no caso do nivel básico do Cuale A1, e dun certificado de aproveitamento do curso preparatorio para as probas de certificación que se realizarán nas escolas oficiais de idiomas, no resto das modalidades. Para a obtención dos certificados oficiais é necesario que os estudantes superen as probas específicas que as escolas oficiais de idiomas realizan cada ano.

Os centros que desexen implantar este programa deberán facer a correspondente solicitude en liña completando o formulario electrónico dispoñible na aplicación á que se accede desde o Portal Educativo. Poderán solicitar a súa participación ata o 10 de xuño.

Materias en lingua estranxeira

Pola súa banda, o programa de seccións bilingües supón a organización do ensino dunha área ou materia non lingüística que se cursa dun xeito bilingüe nunha lingua cooficial e nunha lingua estranxeira utilizada como mínimo durante o 50% do horario lectivo da mesma. As seccións bilingües que desenvolven os centros educativos este ano realízanse en inglés, francés, alemán e portugués.

 

Os centros que desexen implantar unha sección bilingüe deberán facer a correspondente solicitude en liña completando o formulario electrónico dispoñible na aplicación á que se accede desde o Portal Educativo. O prazo de presentación de solicitudes rematará o día 31 de maio de 2023.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/05/2023