A Xunta colabora no impulso dun campus virtual transfronteirizo de formación en materia de igualdade laboral que quere implicar ás empresas

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, participou hoxe na presentación do círculo de traballo ‘Capitaliza’ do proxecto Gemcat de xeración de emprego de calidade entre Galicia e o Norte de Portugal liderado pola Xunta de Galicia

O Goberno galego colabora coa Universidade de Porto e a Cámara Municipal de Braga na promoción do espazo piloto de formación dirixida a persoal docente, técnicos de igualdade e á sociedade en xeral

Mancha aludiu ao papel sobresaínte de Galicia no deseño dunha nova lei de igualdade que iniciará a súa tramitación parlamentaria e que a converterá na primeira administración en acuñar por lei o concepto de sustentabilidade social empresarial

Santiago de Compostela, 26 de maio de 2023 A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, participou na presentación do Círculo de traballo do proxecto Gemcat Capitaliza para promover a igualdade laboral e potenciar a xeración de emprego de calidade transfronteirizo. No marco do mesmo a Xunta de Galicia, en colaboración coa Universidade de Porto e a Cámara Municipal de Braga, están a promover un campus virtual entre Galicia e o Norte de Portugal de formación en igualdade laboral para sensibilizar ás empresas, en especial as pemes, sobre os beneficios de aplicar medidas de conciliación e corresponsabilidade no seo das súas organizacións.

A representante autonómica destacou que o proxecto está enmarcado na 6º convocatoria do programa de cooperación transfronteiriza entre España-Portugal Poctep e conta cunha axuda de 75% do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional para capitalizar e transferir os resultados do proxecto Gemcat de xeración de emprego de calidade transfronteirizo liderado pola Xunta de Galicia entre 2017 e 2021.

Con Gemcat Capitaliza, no que colaboran a Xunta de Galicia, a Universidade de Porto e a Cámara Municipal de Braga, búscase actualizar e homoxeneizar os servizos formativos en materia de igualdade existentes na eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, mediante o desenvolvemento conxunto dun sistema formativo piloto -campus virtual transfronteirizo- especializado en igualdade de xénero laboral, e baseado nun currículo formativo común de referencia nesta temática. Está dirixido a capacitar, tal e como debullou Mancha, tres grupos de interese: persoal docente, técnicos/as de igualdade, e sociedade en xeral (empresas, persoas desempregadas, etc).

“Falamos de impulsar, entre outras medidas, un espazo virtual transfronteirizo piloto que sirva como vehículo de transferencia do coñecemento e recursos xerados tanto en Gemcat, como durante o proxecto de capitalización, en materia de igualdade laboral e Responsabilidade Social Empresarial, co fin de sensibilizar ás empresas, principalmente pemes, así como á sociedade en xeral, a través de accións formativas virtuais gratuítas enmarcadas en diferentes ámbitos, como son a conciliación e a corresponsabilidade, o acoso laboral ou teletraballo”, especificou Mancha.

O campus virtual xa impartiu ata o de agora tres talleres sobre o principio de igualdade, a formación nas empresas con perspectiva de xénero e o exercicio corresponsable dos dereitos da vida persoal, familiar e laboral respectivamente. O 6 de xuño celebrarase unha nova actividade sobre o teletraballo e a desconexión dixital.

Este espazo transfronteirizo innovador incorporará unha certificación que recoñeza as competencias adquiridas polas persoas que, a futuro,  formarán e asesorarán a outros grupos para promover a igualdade de oportunidades no ámbito do emprego. 

Mancha anunciou que o próximo 2 de xuño celebrarase un segundo círculo de traballo sobre a temática: Identificar melloras nas políticas públicas de promoción da igualdade laboral e RSE” e o día 14 do mesmo mes terá lugar un Foro Transrexional en materia de RSE+I orientado ao sector da automoción , xunto coa xornada de peche do proxecto. Ademais o próximo martes 30 de maio presentarase un novo proxecto europeo Poctep que terá en conta as necesidades das empresas á hora de implantar iniciativas de igualdade laboral e de Responsabilidade Social Empresarial para ofrecerlles unha mellor resposta a través das políticas públicas.

Nova lei galega

Elena Mancha quixo destacar no foro de hoxe o papel sobresaínte que a comunidade galega está a asumir ao incluír na nova Lei de igualdade, que en breve iniciará a súa tramitación parlamentaria, conceptos recentes e modernos como a sustentabilidade social empresarial. A comunidade está a impulsar, segundo relatou, un novo modelo “para que as empresas favorezan a igualdade de oportunidades entre o persoal traballador e creen equipos diversos, o que as fará mellorar a súa competitividade e sacar o máximo proveito ao talento”.

Galicia converterase na primeira administración do Estado en regular o concepto de sustentabilidade social empresarial, co que aspira a modernizar e revolucionar a cultura do tecido produtivo con base nos valores ambientais, sociais e de gobernanza que están a rexer os mercados a nivel mundial.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/05/2023