A Xunta asina convenios con preto de 250 concellos para que constitúan as brigadas municipais que este ano se encargarán tamén da revisión da xestión da biomasa nas faixas secundarias

Así, estes consistorios están en disposición de constituír as brigadas contraincendios que ata o de agora se centraban exclusivamente en labores de roza e de extinción

Cabe engadir que no mes de xuño un grupo de supervisores da empresa pública Seaga comezará a revisar tamén o estado de xestión das franxas máis próximas ás vivendas, no marco do convenio de protección das aldeas ao que están adheridos 279 municipios

Santiago de Compostela, 31 de maio de 2023

A Xunta está a asinar convenios con preto de 250 concellos galegos para que poidan constituír as brigadas municipais contraincendios que este ano se encargarán tamén -como novidade- de revisar o estado de xestión da biomasa nas franxas secundarias, isto é, nas dos 50 metros máis próximos ás vivendas. Así mesmo, no mes de xuño un grupo de supervisores da empresa pública Seaga comezará a encargarse tamén deste tipo de traballos.

 

Canto ás brigadas municipais, coa sinatura dos pertinentes convenios entre a Xunta e os respectivos concellos, os consistorios están en disposición de constituír brigadas de cinco compoñentes cada unha, para o desenvolvemento de labores de vixilancia e defensa contra os incendios forestais, así como de actuacións preventivas de control de combustible. A maiores, este ano tamén se contempla no marco dos convenios que se poidan encargar da inspección do estado de xestión de biomasa das parcelas incluídas na rede de faixas secundarias, como tarefa prioritaria de cara á anticipación dos lumes.

 

Este labor de revisión das franxas máis próximas ás casas será tamén cometido do grupo de supervisores da empresa pública Seaga, que comezarán a operar no mes de xuño no marco do convenio de protección das aldeas, asinado entre a Xunta, a Federación galega de municipios e provincias (Fegamp) e Seaga. Un convenio ao que están adheridos un total de 279 concellos, que representan o 89 % dos municipios galegos.

 

Cabe lembrar que no marco deste acordo este ano tamén se implementou como novidade un visor público para que os cidadáns dos concellos que contan xa co seu plan municipal de prevención aprobado poidan consultar as parcelas incluídas nas faixas secundarias, co gallo de impulsar a súa prioritaria limpeza.

Data de actualización: 31/05/2023