O III Encontro Oportunius permitirá coñecer os avances científicos de investigadores apoiados por este programa da Xunta

O acto, que se celebrará o martes 7 de xuño en Santiago de Compostela, afondará tamén no posicionamento de Galicia na captación de axudas do Consello Europeo de Investigación (ERC)

Santiago de Compostela, 2 de xuño de 2023

O III Encontro Oportunius, que se celebrará en Santiago de Compostela o vindeiro mércores, 7 de xuño, servirá para dar a coñecer os avances dos proxectos científicos do persoal investigador que recibiu o apoio do programa Oportunius, unha iniciativa da Xunta de Galicia que busca captar, reter e retornar talento investigador. Do mesmo xeito, a xornada permitirá afondar no posicionamento de Galicia na captación das axudas que concede o Consello Europeo de Investigación (ERC).

Os detalles do programa poden consultarse na páxina web da Axencia Galega de Innovación, onde se atopa tamén a ligazón para que o persoal investigador ou xestor de investigación que desexe asistir se inscriba.

O encontro contará coa participación do director de Ciencia Internacional e Intersectorial da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT), Borja Izquierdo Alonso, e coa participación de persoal investigador con proxectos do ERC ou finalistas destas convocatorias. Así, intervirán o profesor da Universidade de Santiago de Compostela Carlos Alberto Salgado, que ademais é director do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE); María del Carmen Giménez, investigadora Ramón y Cajal da Universidade de Santiago de Compostela, adscrita ao Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS); e Carlos Gómez, catedrático de Ciencia da Computación e Intelixencia Artificial da Universidade da Coruña, adscrito ao Centro de Investigación en TIC (CITIC) .

Tamén intervirán Jaime Martín, investigador Ramón y Cajal no Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais da Universidade da Coruña; Xoaquín Moreira, xefe do grupo Ecoloxía Evolutiva das Interaccións Planta-Hervíboro da Misión Biolóxica de Galicia do Consello Superior de Investigacións Científicas; e Belén Riveiro, profesora titular do departamento de Enxeñaría dos Materiais, Mecánica Aplicada e Construción da Universidade de Vigo.

O programa Oportunius creouse no 2014 para atraer e reter en Galicia ao mellor talento investigador. É unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación e da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades. No programa colaboran o Sistema Universitario Galego (SUG), o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e as entidades de investigación galegas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/06/2023