O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades participa na entrega da XXIII edición dos Premios Elías Valiña no Museo das Peregrinacións e de Santiago

Román Rodríguez agradece ás asociacións de amigos do Camiño de Santiago o labor de manter vivo o “rico patrimonio cultural e histórico” da Ruta Xacobea

Destaca o seu “esforzo colectivo para reforzar os valores da peregrinación e contribuír a que sexa máis universal, aberta, dialogante e hospitalaria”

Recibiron o recoñecemento as asociacións Pulchra Leolina e Círculo Chileno, mentres que a norteamericana Rebekah Scott obtivo a mención especial

Santiago de Compostela, 8 de xuño de 2023

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, agradeceu hoxe ás distintas asociacións de amigos do Camiño de Santiago o seu labor por manter vivo “o rico patrimonio cultural, histórico e espiritual” da Ruta Xacobea. Así o manifestou durante o acto de entrega dos XXIII Premios Elías Valiña, o recoñecemento co que a Xunta galardoa o esforzo revitalizador do Camiño de Santiago por estas entidades sen ánimo de lucro e que este ano recaeu na asociación Pulchra Leonina e no Círculo Chileno. Pola súa banda, Rebekah Scott, figura destacada entre os peregrinos de fala inglesa, recibiu unha mención especial.

Sobre os premiados, o titular de Cultura da Xunta gabou a tarefa “na recuperación de camiños inexistentes e coidado dos peregrinos” da asociación leonesa Pulchra Leonina así como o papel decisivo do Círculo Chileno de Amigos del Camino por “fomentar a figura do Apóstolo no seu país e no continente latinoamericano”. Tamén tivo palabras para a norteamericana Rebekah Scott que, tras unha viaxe de xornalistas a Santiago, decidiu trasladarse a España e fundar un albergue en Palencia “desde o que se está a facer un importante traballo para reivindicar a natureza espiritual do Camiño e a súa maxia única”.

Divulgación da peregrinación

Román Rodríguez sinalou, ademais, a importancia destes recoñecementos, que cumpren a súa 23 edición, para poñer en valor o labor de  colectivos da sociedade como estes para reforzar e divulgar os valores da peregrinación e contribuír “a que sexa máis universal, aberta, dialogante e hospitalaria seguindo os pasos do propio Elías Valiña”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/06/2023