A Xunta coñece os proxectos financiados pola cooperación galega en Guatemala

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo visitou os proxectos levados a cabo no país a través de ONGD como a Fundación Entreculturas Fe y Alegría, Solidariedade Internacional de Galicia e Arquitectura sen Fronteiras

Compartir
  • whatsapp

Ciudad de Guatemala, 13 de xuño de 2023 O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, acompañado da subdirectora xeral de Cooperación Exterior, Pilar Romero, percorreu Guatemala estes días co obxectivo de visitar os proxectos sobre habitabilidade, educación e violencia de xénero que a Xunta, a través dos fondos de cooperación para o desenvolvemento, financia neste país e que foron executados por ONGD como Fundación Entreculturas Fe y Alegría, Solidariedade Internacional de Galicia e Arquitectura sen Fronteiras.

A través da viaxe ao país, a Xunta coñeceu de primeira man os proxectos que se están a financiar na actualidade, ademais de reunirse coas organizacións que lideran as iniciativas e coas autoridades locais que os apoian, así como escoitar as apreciacións das persoas beneficiarias dos mesmos. O percorrido incluíu paradas en Zacualpa, no departamento do Quiché, onde a ONGD Entreculturas Fe y Alegría está a executar proxectos de mellora educativa e desenvolvemento da cidadanía dende a equidade de xénero, financiados pola Cooperación Galega.

Tamén se visitou a Municipalidade de Champerico, onde a Xunta leva apoiando intervencións dende o ano 2008, para coñecer o traballo que Arquitectura Sen Fronteiras fai na mellora da habitabilidade básica e planificación territorial de xeito individual, así como o seu traballo no ámbito educativo en agrupación con PROYDE. Xunto con representantes de Arquitectura Sen Fronteiras, de ASIAPRODI e PRODESSA visitaron a escola da Comunidade de Victorias III, o Centro de Recursos para a Educación Inclusiva da Comunidade de San Miguel Las Pilas e a Comunidade Mam e o seu albergue comunitario.

Por outra parte, na Aldea de Santa María Cauqué, do Municipio de Santiago Sacatepéquez, o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE estivo na Casa de sanación e formación para a plenitude de vida KAN, que está xestionada pola Asociación Grupo de Mujeres Mayas Kaqla, no marco do proxecto financiado a Solidariedade Internacional de Galicia. Esta iniciativa pretende o fortalecemento das capacidades de resposta e protección ás mulleres e nenas fronte ás violencias potenciando o seu benestar, autonomía e liderado.

Ademais, Jesús Gamallo e Pilar Romero reuníronse co embaixador de España en Guatemala, José María Laviña. No encontro, abordáronse os lazos históricos entre Galicia e Guatemala así como as iniciativas de cooperación do Goberno galego, país considerado estratéxico para a Cooperación Galega.

País estratéxico

Guatemala é considerado un país estratéxico para a Cooperación Galega polo seu vínculo histórico e pola tradicional presenza e traballo desenvolvido por numerosos axentes galegos de cooperación neste país.

O seu carácter prioritario aparece recollido nos Plans Directores que rexen a política pública de cooperación para o desenvolvemento da Xunta. O Goberno galego apoia no país outras intervencións que se atopan en execución destas mesmas ONGD e de outras como a Fundación Educación e Cooperación- EDUCO; Farmacéuticos Mundi ou SODEPAZ.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 13/06/2023