O Diario Oficial de Galicia (DOG) de hoxe publica a convocatoria desta orde de subvencións

A Xunta abre mañá o prazo para que as entidades sociais soliciten acollerse ás axudas con cargo ao 0,7% do IRPF

Destínanse 18,5 millóns de euros para financiar iniciativas nos ámbitos da inclusión social, da familia e a infancia, da atención a maiores e a persoas con discapacidade ou do voluntariado e a xuventude

Santiago de Compostela, 18 de xullo de 2023

As entidades e federacións de ámbito social teñen a partir de maña un mes de prazo para solicitar acollerse ás axudas que destina a Consellería de Política Social e Xuventude con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF e do imposto de sociedades para a realización de programas de interese xeral con fins de carácter social. O Diario Oficial de Galicia (DOG) de hoxe publica a orde que regula a concesión destas achegas económicas, que conta cun orzamento inicial de 18,5 millóns de euros. Esta contía ampliarase en preto de 9,5 millóns de euros en virtude do reparto entre Comunidades Autónomas acordado no último Consello territorial de Servizos Sociais.

O Goberno galego financiará a través deste fondos iniciativas que as entidades desenvolvan ao longo do vindeiro ano en campos relacionados coa familia, a infancia e a dinamización demográfica; a inclusión social; a promoción da autonomía persoal e apoio de persoas con discapacidade e aos maiores ou a xuventude e o voluntariado. Tamén se sufragarán gastos de investimentos referidos a obras de mellora e adecuación de centros e unidades de atención de titularidade social.

As axudas concederanse en réxime de concorrencia competitiva. As solicitudes teñen que presentarse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta.

Data de actualización: 18/07/2023