Agustín Reguera reafirma o respaldo da Xunta á AJE e aos colectivos de persoas xordas

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra lembrou a necesidade de axudar aos emprendedores mozos para lograr unha economía máis próspera e competitiva

A Asociación de Persoas Xordas partillou varios dos proxectos que ten en mente e que pronto serán unha realidade

Pontevedra, 20 de xullo de 2023

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, reuniuse esta mañá cos representantes da Asociación de Jóvenes Empresarios (AJE) de Pontevedra e cos presidentes das asociacións de Persoas Xordas de Galicia e de Pontevedra en dous encontros que tiveron lugar no edificio administrativo da Xunta.

A presidenta de AJE, María Buceta, chegou ao edificio acompañada do seu vicepresidente, Iago González, para poñer ao día ao delegado das cuestións que ocupan aos emprendedores mozos da provincia. Neste sentido, Reguera mostrou o seu total apoio á asociación e aproveitou para poñer en valor “non só a gran importancia de ter a mozos e mozas valentes que se esforzan por innovar e crear emprego, senón tamén o necesario que é contar cunha asociación como AJE que os respalde e axude”.

Posteriormente, chegaron ao edificio administrativo Iker Sertucha e Cristina Páramos, presidentes da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia e da Asociación de Persoas Xordas de Pontevedra, respectivamente. Ambos, coa asistencia dunha intérprete, trasladaron ao delegado as súas intencións de futuro e aproveitaron para lembrar moitas das funcións que se levan a cabo no día a día das súas entidades e que, por veces, pasan desapercibidas.

Reguera asegurou sentirse orgulloso da gran achega que fan estes colectivos a todas as persoas xordas coas que traballan, “mellorando considerablemente a súa calidade de vida e autonomía”. Ademais, comprometeuse a seguir moi de preto o seu traballo e púxose a disposición, desde a Xunta de Galicia, para “estudar novas vías de colaboración” con ambas asociacións.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/07/2023