Raquel Rodríguez Espiño será a nova directora de XesGalicia

Xa traballara nesta sociedade como técnico de control de participadas e desde 2017 era a directora da área de financiamento do Igape

Santiago de Compostela, 4 de agosto de 2023

A Xunta de Galicia informa de que Raquel Rodríguez Espiño (Madrid, 1970) será a nova directora de XesGalicia. Licenciada en Ciencias Económicas e Empresariais e Máster en Administración Financeira e Tributaria -en ambos os dous casos pola Universidade de Santiago de Compostela-, desde 2002 é auditora inscrita no Rexistro Oficial de Auditores de Contas.

Ao longo da súa traxectoria laboral, Rodríguez Espiño realizou tarefas de auditoría e asesoramento na empresa privada e en distintas organizacións profesionais. Entre 2008 e 2017 xa estivo vinculada a XesGalicia, pois exerceu como técnico de control de participadas nesta sociedade. Desde outubro de 2017 era a directora da área de financiamento do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e responsable, por tanto, do deseño das bases das convocatorias e xestión e tramitación de axudas e instrumentos financeiros destinados a apoiar a actividade económica, así como da identificación e negociación de novas fontes de financiamento para o tecido empresarial galego.

Raquel Rodríguez Espiño substitúe, deste xeito, a Rubén Aguión, quen viña desempeñando este cargo desde outubro de 2020.

XesGalicia ten como obxectivo facilitar a creación e consolidación de empresas en Galicia a través de diferentes instrumentos de apoio. Na actualidade xestiona unha sociedade de capital risco (Sodiga Galicia) e catro fondos de investimento de tipo pechado: Galicia Compite, Galicia Innova Tech, Galicia Iniciativas Emprendedoras e Adiante 2000.

Durante os últimos exercicios, XesGalicia ten orientada a súa actividade cara a iniciativas empresariais vinculadas ao emprendemento e á innovación, sen deixar de atender os proxectos de crecemento ou reforzamento de empresas xa consolidadas en Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/08/2023