A Xunta ten aberto ata o vindeiro 29 de setembro o prazo para solicitar diversas liñas de axudas de apoio ao emprego autónomo e emprendemento por 30M€

Aínda se poden pedir, entre outros, os apoios cos que se impulsa o inicio de actividade por conta propia, a contratación de ata o terceiro traballador ou os destinados a favorecer a conciliación

A Xunta está a deseñar, da man da Mesa do Emprego Autónomo, a Axenda de Impulso ao Emprego Autónomo 2023-2026, que contará cun orzamento superior aos 200 millóns de euros

Os traballadores autónomos e os emprendedores son un colectivo prioritario para a Xunta: Galicia é con preto do 20% a primeira comunidade autónoma con maior peso deste colectivo
 

Santiago de Compostela, 15 de agosto de 2023

O prazo de solicitude das principais axudas da Xunta de apoio ao emprego autónomo e ao emprendemento aínda está aberto. Son diversos programas da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade que suman un investimento de preto de 30 millóns de euros.

Así, en concreto, ata o vindeiro 29 de setembro poden pedirse os apoios dirixidos a impulsar o inicio de actividade por conta propia (12 millóns); os destinados á consolidación e mellora da competitividade de negocios de persoas traballadoras autónomas que leven polo menos 42 meses de actividade empresarial (8 millóns); as axudas á contratación de ata o terceiro traballador (1,3 millóns); os apoios para favorecer a conciliación (1 millón); e os centrados en impulsar as empresas cualificadas como Iniciativas de Emprego de Base Tecnolóxica (IEBT), que contan cun orzamento de 500.000 euros.

De xeito específico para o emprendemento, ata a mesma data pódese optar ás axudas que con 7 millóns de euros están  dirixidas a pemes, persoas traballadoras autónomas e entidades da economía social, que teñan iniciado a súa actividade desde o 1 de xaneiro de 2021 (ou máis tarde) e permanezan en activo, para cubrir investimentos en equipamento informático, eficiencia enerxética, reformas de locais ou de mobiliario, entre outros, realizados desde o pasado 5 de novembro.

Para a Xunta, os traballadores autónomos e emprendedores son un colectivo prioritario: Galicia é cun 19,96% a primeira comunidade autónoma con maior peso deste colectivo (no Estado representa o 16,07%). Na actualidade, o Goberno autonómico está a deseñar, da man da Mesa do Emprego Autónomo, a Axenda de Impulso ao Emprego Autónomo 2023-2026, que contará cun orzamento superior aos 200 millóns de euros. A Administración galega mantén, deste xeito, un diálogo constante e fluído con este colectivo para atender as necesidades tanto dos que empezan como dos que precisan consolidar a súa actividade económica.

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, ademais, ten en marcha a Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego coa que se pretende dinamizar o territorio a través da creación de emprego de calidade e o asentamento da poboación: hai oito en marcha e prevese que a finais de ano estean funcionando quince, cubrindo o 100% do territorio galego. Esta rede, en concreto, está a prestar asesoramento individualizado ás persoas emprendedoras de Galicia en calquera fase que se atope o seu proxecto empresarial, de principio a fin.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/08/2023