A Xunta confirma a presenza de mosquito tigre en Vigo

A Rede Galega de Vixilancia de Enfermidades Transmisibles por Vectores constata a presenza do insecto na cidade olívica

Sanidade aclara que, a día de hoxe, non hai vinculación entre os insectos e ningunha enfermidade
 

O comité técnico do mosquito tigre agradece a colaboración cidadá a través da aplicación móbil Mosquito Alert
 

Santiago de Compostela, 18 de agosto de 2023 A Rede Galega de Vixilancia de Enfermidades Transmisibles por Vectores (ReGaViVec) confirma a detección de dous exemplares de mosquito tigre no Concello de Vigo, concretamente na parroquia de Lavadores. Un aviso cidadá a través da aplicación móbil Mosquito Alert permitiu a súa identificación por parte de especialistas en entomoloxía, polo que o comité técnico do mosquito tigre agradece a colaboración da veciñanza.

A Rede, formada polas Consellerías de Sanidade e Medio Rural e as Universidades de Santiago de Compostela e Vigo, aumentou a vixilancia sobre o insecto instalando novas trampas, que se sumarán ás que ReGaViVec xa mantiña en puntos estratéxicos da cidade olívica antes da detección por primeira vez do mosquito tigre en Galicia. De feito, a Dirección Xeral de Saúde Pública xa adquiriu novas trampas para poder ser distribuídas e localizar larvas coa finalidade de evitar a diseminación do mosquito Aedes albopictus.

Desde Sanidade aclárase que ningún dos exemplares identificados en Moaña ou Vigo teñen vinculación con enfermidades transmisibles ás persoas. Así mesmo, na última reunión do comité técnico do mosquito tigre, a área sanitaria de Vigo confirmou que non houbo un incremento significativo no número de picaduras de insecto tratadas nos centros de saúde da comarca do Morrazo.

Consellos para a cidadanía

Para continuar coa colaboración científica e que sexan especialistas en entomoloxía quen confirmen a presenta ou non de máis exemplares de mosquito tigre, promóvese a descarga da aplicación móbil Mosquito Alert coa que facer chegar fotografías para o seu estudo por parte dos investigadores.

En canto á picadura, para evitala aconséllase o uso de repelentes específicos que se poden atopar nos listados de produtos autorizados polo Ministerio de Sanidade e pola Axencia Española do Medicamento, ademais de recomendar vestir con manga e pantalóns largos e calzado pechado ou colocar mosquiteiros en portas e ventás. As picaduras poden ser molestas e poden producir reaccións alérxicas de certa gravidade.

No que atinxe a evitar a proliferación do mosquito Aedes albopictus, a forma máis efectiva é evitar a posta de ovos e o crecemento das larvas. Por iso, débense eliminar puntos de auga estancada como bebedeiros, pratos baixo macetas, caldeiros á intemperie ou embarcacións. Debe procederse simplemente ao seu baleirado ou renovación da auga cada 4-5 días.

Data de actualización: 18/08/2023