A Xunta requírelle á empresa Tungsten San Finx que no prazo máximo dun mes se axuste á autorización de vertido

A desatención do requirimento pode dar lugar á revogación da autorización outorgada
 

Augas de Galicia, no marco do labor de control que realiza de xeito continuo, constatou a falta de execución en prazo das instalacións de tratamento para a correcta evacuación das augas residuais, como establecía a autorización outorgada
 

Na inspección realizada tamén detectou o vertido de augas residuais ao rego Rabaceiras en dous puntos non autorizados

As mostraxes nestes puntos de vertido confirmaron a superación dos límites para os parámetros de cobre, cadmio e zinc
 

Ante estes incumprimentos “graves” por parte da empresa, a Xunta vén de iniciar un expediente sancionador que pode chegar ata os 300.000 € de sanción
 

Augas de Galicia emitiu en febreiro a autorización na que se establecían 18 condicionantes que a empresa debía cumprir para garantir a correcta xestión das medidas de depuración de vertido
 

Santiago de Compostela, 1 de setembro de 2023 A Xunta, a través de Augas de Galicia, vén de rrequirille á empresa Tungsten San Finx, S.L. que axuste a xestión das augas residuais xeradas nas instalacións da Mina de San Finx, no concello de Lousame, ás condicións establecidas na autorización de vertido outorgada. 

A empresa concesionaria deberá acreditar documentalmente este axuste no prazo dun mes. De non ser así, os incumprimentos poderían dar lugar á revogación da autorización de vertido. 

Este requirimento ten lugar tras constatar os técnicos de Augas de Galicia nunha recente inspección á zona a falta de execución en prazo das instalacións de tratamento para a correcta evacuación das augas residuais na balsa de decantación final. 

Nesa inspección, enmarcada no labor constante de seguimento e control por parte de Augas de Galicia, tamén se detectou o vertido de augas residuais ao rego Rabaceiras en dous puntos non autorizados e con superación dos límites impostos para os parámetros de cobre, cadmio e zinc. 

A Lei 9/2010, de Augas de Galicia, cualifica estas infraccións como graves, polo que Augas de Galicia vén de iniciar o correspondente expediente sancionador á empresa concesionaria. 

Este tipo de infraccións, atendendo ás disposicións da citada Lei, poden supoñer sancións que van ata os 300.000€.  

Cómpre lembrar que Augas de Galicia, avaliada a citada solicitude para a autorización da execución dunha depuradora e tendo en conta tamén as as alegacións presentadas, outorgou no pasado mes de febreiro á empresa Tungsten San Finx, S.L. a autorización para a execución destas instalacións. 

A autorización de Augas de Galicia incluía 18 condicionantes que debía cumprir o titular da explotación para a correcta xestión do vertido e as medidas para unha depuración axeitada, na súa obriga de cumprimento dos obxectivos de calidade do medio receptor e cos dereitos de terceiros.

 

Data de actualización: 01/09/2023