A Xunta avalía con Cointega novas fórmulas para revitalizar a moda galega

A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, reuniuse coa directiva da Confederación de Industrias Téxtiles de Galicia para abordar a situación do sector e os seus retos máis inmediatos

Coinciden na importancia de seguir impulsando o téxtil co apoio aos talleres localizados en Galicia que forman parte da cadea industrial
 

Santiago de Compostela, 5 de setembro de 2023

A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, reuniuse co presidente da Confederación de Industrias Téxtiles de Galicia (Cointega), José Antonio Conde, e con parte da directiva da entidade co obxectivo de abordar a situación do sector en Galicia, así como os retos máis inmediatos para o téxtil.

No encontro, avaliouse a necesidade de buscar novas fórmulas para revitalizar a moda galega e visibilizar a calidade dos seus produtos así como o bo facer das empresas e traballadores vinculados a esta industria estratéxica para a Comunidade, pois en 2022 o téxtil representou a cuarta parte do total exportado por Galicia ao superar os 7.500 M€ en vendas ao exterior.

A conselleira e os representantes de Cointega coincidiron na importancia de seguir impulsando este sector ofrecendo apoio aos talleres da cadea industrial con actividade en Galicia para mellorar a súa competitividade.

Lorenzana tamén se comprometeu a estudar as necesidades que o sector ten para facer fronte aos futuros retos no eido da formación de directivos, retención de talento, modernización, dixitalización ou sustentabilidade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/09/2023