Galicia participa nun foro internacional sobre o rol que xogan as mulleres nas pesqueiras de Iberoamérica

Profesionais de diferentes sectores e países de Centroamérica, Sudamérica, España e Portugal debateron e compartiron experiencias sobre os retos e oportunidades para acadar a igualdade de xénero na actividade pesqueira

Distintas relatoras abordaron o camiño a seguir para incrementar a participación feminina na toma de decisións e a súa representación nas políticas públicas vencelladas co sector

Vigo, 10 de setembro de 2023

O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar participou esta semana nun faladoiro internacional promovido pola Rede Iberoamericana para o Uso Sostible dos Recursos Pesqueiros no que se abordou o papel das mulleres nas pesqueiras de Iberoamérica e os retos e oportunidades para o desenvolvemento sostible dunha actividade pesqueira en igualdade de xénero.

O evento, que reuniu en liña a unha ducia de relatoras e a máis de 200 asistentes, contou coa participación de profesionais de diferentes países de Centroamérica, Sudamérica, Portugal e España. Nel pescadoras, mariscadoras, empresarias, cooperativistas, investigadoras e representantes da Administración expuxeron a súa visión sobre o rol da muller no sector e sobre o camiño a seguir para incrementar a súa participación na toma de decisións así como para elevar a súa representación nas políticas públicas.

As relatoras coincidiron en destacar a importancia da unión das mulleres no camiño cara a igualdade de xénero e do recoñecemento do papel que xogan nas distintas pesqueiras ademais da necesidade de reivindicar a súa importancia para conseguir un maior apoio institucional co que avanzar na consecución deses obxectivos.

O foro desenvolveuse en tres xornadas e nelas púxose de manifesto tamén a relevancia de camiñar cara a concienciación das mulleres do sector sobre a transcendencia do desenvolvemento dunha actividade pesqueira e marisqueira responsable e sostible. Nesta liña, quedou patente a necesidade de avanzar cara unha maior preocupación polo mantemento dos recursos pesqueiros e polo coidado do medio ambiente, con especial atención aos efectos do cambio climático.

Esta actividade celebrouse no marco do proxecto Invipesca-FORT, coa financiación da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID) a través do Programa Intercoonecta. O obxectivo deste proxecto é o fortalecemento e a mellora da xestión dos recursos pesqueiros en Iberoamérica e xurde no marco da Rede Iberoamericana para o Uso Sostible dos Recursos Pesqueiros, rede que conta co apoio da Consellería do Mar e na que o Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar ostenta a secretaría técnica.

O proxecto desenvolve unha programación plurianual de actividades para identificar e establecer as prioridades científico-pesqueiras na rexión iberoamericana e conta coa participación da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (Aecid) o Instituto Español de Oceanografía (IEO), a Universidade de Bogotá Jorge Tadeo Lozano (Colombia), a Universidade Federal Rural de Pernambuco (Brasil), o Instituto Nacional de Investigación e Desenvolvemento Pesqueiro (Arxentina) e o propio Cetmar.

As tres sesións do faladoiro internacional sobre o rol da muller nas pesqueiras de Iberoamérica estarán a disposición de todos os interesados durante os próximos días no canal de Youtube do Centro de Formación da Cooperación Española en La Antigua Guatemala.

Data de actualización: 10/09/2023