A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, mantivo hoxe unha xuntanza co presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Carlos Botana

A Xunta comprométese a esixir que o plan director do Corredor Atlántico inclúa o Porto de Vigo e o impulso da saída sur

Vázquez Mourelle avanza que a Xunta lle reiterará nas vindeiras semanas ao secretario de Estado de Infraestruturas as demandas de colectividade de Galicia e Vigo

Sinala que deben formar parte do Corredor Atlántico, como Rede Básica, o Porto de Vigo e a conexión en alta velocidade con Portugal, para o que cómpre o apoio do Goberno

Lamenta que nin o Goberno galego nin a Autoridade Portuaria de Vigo puideran reunirse aínda co Comisionado do Corredor Atlántico que o Goberno nomeou hai 8 meses

A Autoridade Portuaria comezará nos vindeiros días as obras de humanización e da senda peonil e ciclista entre Beiramar e Bouzas, froito dun convenio de colaboración coa Xunta

Ethel Vázquez agarda que na 1ª metade de 2024 estea rematada a recuperación do bordo litoral da cidade grazas a un investimento conxunto de 5 M€

Vigo, 20 de setembro de 2023

A Xunta comprometeuse hoxe a exixir que o Plan Director do Corredor Atlántico inclúa o Porto de Vigo e o impulso da Saída Sur ferroviaria.

Así llo trasladou hoxe a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, ao novo presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Carlos Botana, no encontro mantido para abordar diferentes asuntos de interese para ambas as administracións.

Vázquez Mourelle avanzou que a Xunta manterá unha reunión nas vindeiras semanas co secretario de Estado de Infraestruturas do Goberno de España e poñerá sobre a mesa estas cuestións.

Destacou que o Goberno galego aspira a que a incorporación do noroeste ao Corredor Atlántico sexa completa, é dicir, que formen parte como Rede Básica, tanto o Porto de Vigo como a conexión en alta velocidade con Portugal.

Indicou que cómpre o apoio expreso do Goberno de España para conseguir que esa incorporación do Porto de Vigo ao Corredor Atlántico se confirme na tramitación pendente.

Remarcou que esta oportunidade tamén se debe traducir nun plan de investimentos cun horizonte temporal realista, pero ambicioso para a modernización da rede ferroviaria de mercadorías.

Lamentou que nin o Goberno galego nin a Autoridade Portuaria de Vigo puideron departir sobre o Corredor Atlántico co Comisionado que o Goberno de España nomeou hai 8 meses. Lembrou que a pasada semana este ente estivo en Galicia, pero non considerou oportuno escoitar nin á Xunta nin aos presidentes dos portos.

Por outra parte, no encontro de hoxe tamén se repasou o convenio de colaboración entre a Xunta e a Autoridade Portuaria para potenciar a mobilidade sostible, para peóns e ciclistas, na fronte litoral de Vigo a través da súa humanización e recuperación para a vida urbana.

A Consellería de Infraestruturas está a apoiar, a través dun investimento de 3,5 M€, esta iniciativa do Porto de Vigo para mellorar a súa integración na vida urbana.

Recordou que a pasada primavera foi posible poñer ao servizo de todos os vigueses unha senda peonil e ciclista entre O Berbés e Portocultura, e a posta en valor dunha importante contorna histórica de Vigo. 

Na xuntanza de hoxe, o presidente da Autoridade Portuaria confirmou que a 2ª parte desa colaboración, consistente na humanización dun novo treito de 1,6 km entre Beiramar e Bouzas, ten culminados todos os trámites e poderá comezar a executarse nos vindeiros días.

Segundo se expuxo na reunión, Ethel Vázquez confiou en que na 1ª metade de 2024 a Xunta e o Porto de Vigo terá rematada esta recuperación do bordo litoral de Vigo grazas a un investimento conxunto de 5 M€.

Ademais, no encontro avaliouse a terminal ferroviaria da Plisan, un proxecto que está a impulsar o Porto de Vigo para conectar de forma directa coa estación de Guixar e incrementar a conectividade do Porto de Vigo e toda a capacidade Loxística do sur de Galicia.

Ethel Vázquez congratulouse polo inicio previsto en outubro da execución desas obras, materializando un investimento de máis de 35 M€ que permitirá converter o Porto de Vigo nun gran polo loxístico do sur de Europa.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/09/2023