Reguera clausura o obradoiro dual de emprego da Xunta en Vilagarcía e felicita ao alumnado polas obras levadas a cabo no concello

Os obradoiros de emprego duais combinan a formación teórica coas prácticas remuneradas

Seis alumnos rematan o curso cun contrato laboral e moitos outros teñen intención de continuar coa súa formación

Vilagarcía de Arousa, 02 de outubro de 2023

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, participou esta mañá na clausura do obradoiro de emprego dual financiado pola Xunta con máis de medio millón de euros no concello de Vilagarcía de Arousa.

 

Neste obradoiro, que tivo unha duración aproximada dun ano, participaron un total de 20 alumnos e alumnas que se dividiron entre as especialidades de Carpintería e moble e Albanelería e acabados.

 

O alumnado puido aprender da man de profesionais do sector as técnicas e habilidades necesarias para levar a cabo estas actividades tan demandadas no mercado laboral. Ademais, cabe destacar que os obradoiros de emprego duais combinan a formación teórica coas prácticas remuneradas. Estas prácticas levaron aos participantes a realizar obras e traballos para o seu concello que beneficiaron directamente os seus veciños.

 

Así, entre outras actuacións, o alumnado elaborou e reparou o mobiliario de varios espazos públicos e naturais do concello de Vilagarcía. Destacan os traballos levados a cabo na Casa do Concello, no Parque Castriño e no Parque Ravella e a elaboración das estruturas de madeira dos xardíns verticais da Praza da Independencia e da Praza de Abastos.

 

Os bos resultados obtidos chamaron a atención de varias empresas que se interesaron polos participantes, tanto é así que seis alumnos rematan o obradoiro de emprego dual cun contrato laboral. Tamén hai alumnado que decidiu apostar por seguir formándose nestas áreas.

 

O delegado territorial utilizou a súa intervención no acto de clausura para felicitar a todos os alumnos polo seu empeño e seriedade e fixo unha mención especial ao profesorado “que é clave para que estes obradoiros teñan o resultado esperado”.

 

Reguera aproveitou para lembrar que este ano vanse levar a cabo máis dunha decena de novos obradoiros nos concellos da Área Territorial de Pontevedra, por un investimento de preto de 7 millóns de euros. Vilagarcía repetirá, esta vez cun curso de Traballos e instalación de elementos de carpintería e moble e outro de Fábricas de albanelería e operacións auxiliares de revestimento e acabados.

 

“Desde a Xunta seguiremos poñendo ao alcance dos galegos e galegas iniciativas como esta que, ademais de ofrecer unha formación gratuíta e un ano de prácticas remuneradas, ten demostrado que aumenta considerablemente as posibilidades de inserción no mercado laboral de todos os participantes”, concluíu o delegado territorial.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/10/2023