O presidente do Goberno galego asiste á entrega dos IV Premios de Arquitectura e Rehabilitación de Galicia

Rueda destaca o papel dos arquitectos na construción da Galicia do futuro sen esquecer os elementos que fan recoñecibles á comunidade

Salienta a importancia de que as administracións aposten pola “boa arquitectura” nos edificios públicos que “son a casa” de todos os cidadáns
 

Destaca o firme compromiso da Xunta coa rehabilitación que permite dar unha segunda vida a inmobles mantendo “o bo da arquitectura do pasado” e reformando e adaptando outros elementos
 

Santiago de Compostela, 6 de outubro de 2023

  O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe “o labor fundamental dos arquitectos” na construción dunha “Galicia recoñecible” no tempo que cómpre manter “para saber construír a comunidade do futuro”. O titular do Goberno galego salientou ademais a importancia de que as administracións aposten por unha “boa arquitectura” e polas rehabilitacións durante a gala dos IV Premios de Arquitectura e Rehabilitación de Galicia que se celebrou esta mañá en Santiago de Compostela. 

Durante a súa intervención na gala, na que estivo acompañado pola vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, o presidente resaltou a importancia de que as administracións coiden o deseño e a arquitectura de todos os edificios públicos. “Son a casa de todos os cidadáns que os pagan cos seus impostos”, sinalou, para destacar que, por iso, hai que velar porque os usuarios se sintan cómodos cando teñen que acudir a eles a realizar un trámite o desfrutar dalgún servizo.

Ademais, Rueda subliñou o firme compromiso da Xunta coa rehabilitación de inmobles. “Sempre que se poida é bo apostar pola rehabilitación antes que un derrumbe ou cambiar todo o sentido do entorno onde se atopaba un edificio”, salientou o presidente, quen lamenta que, ás veces, se opte por levantar un novo inmoble mentres se deixa “esmorecer” algún edificio vello coa “degradación” do entorno que iso supón. Nesta liña, incidiu en que a rehabilitación “permite manter todo o bo que tiña a arquitectura do pasado, reformalo e adaptalo”.

Por outra banda, o presidente da Xunta fixo fincapé no talento que existe na arquitectura galega e resaltou a importancia dos concursos de ideas á hora de elaborar grandes obras para que as entidades públicas reciban asesoramento e novas ideas dos profesionais da arquitectura. 

Os galardoados desta cuarta edición

Pedro de Llano Cabado, que amosou o rico pasado arquitectónico da comunidade galega na súa enciclopedia Arquitectura popular en Galicia, recibiu o Premio Especial á traxectoria profesional mentres que Carlos Jorreto Veiga foi premiado na categoría de arquitecto técnico.
 
En canto aos proxectos galardoados neste edición, o espazo residencial de Cornes en Santiago de Compostela ou a xa rematada rehabilitación dunhas dependencias administrativas na Coruña que deron lugar ao chamado Espazo Amizar recibiron o Premio Galego de Arquitectura e o Premio Galego de Rehabilitación, respectivamente.
Ademais, a aposta pola sustentabilidade da nova arquitectura quedou reflexada noutros dos proxectos premiados coma un cebadeiro de gando na Fonsagrada (Lugo) que reflicte o paso da gandería intensiva á extensiva; unha vivenda unifamiliar de Celanova (Ourense), deseñada por Manuel Jorreto Díaz; ou a horta e o invernadoiro do restaurante Culler de Pau no Grove (Pontevedra). 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/10/2023