A Xunta expón na Universidade da Coruña as vantaxes do novo sistema de intelixencia artificial, EMI, para axustar oferta e demanda de traballo

A directora xeral de Formación para o Emprego e Orientación, Zeltia Lado, participou hoxe no relatorio A iniciativa de emprego intelixente (EMI) nunha xornada sobre cualificacións e habilidades na intelixencia artificial e a dixitalización avanzada

A Xunta está a levar a cabo unha modernización integral do Servizo de Emprego de Galicia para, entre outros, dar resposta ás vacantes laborais, atendendo as necesidades do tecido produtivo e das persoas que buscan un traballo

A Coruña, 10 de outubro de 2023

A directora xeral de Formación para o Emprego e Orientación, Zeltia Lado, puxo hoxe en valor na Universidade da Coruña as vantaxes de Emprego Intelixencia Artificial (EMI), a nova ferramenta que a Xunta está a implantar na rede de oficinas de emprego de Galicia co propósito de axustar oferta e demanda de traballo. Lado explicou o obxectivo desta iniciativa na súa intervención no relatorio A iniciativa de emprego intelixente (EMI) na Xornada sobre cualificacións e habilidades na intelixencia artificial e a dixitalización avanzada, que organizou o Centro de Investigación en TIC (Citic) e o grupo Jean Monnet de Competencia e Desenvolvemento (GCD) da Universidade da Coruña.  

A directora xeral sinalou que a Administración autonómica está a acometer un ambicioso proceso de modernización que, entre outras vantaxes, está a permitir casar oferta con demanda laboral, dando resposta ás necesidades de persoal traballador do tecido produtivo co reto de dar resposta ás vacantes laborais.

Así, a nova ferramenta tecnolóxica EMi (Emprego Intelixente), baseada na intelixencia artificial,  pretende axustar en tempo real as demandas de man de obra do tecido produtivo aos perfís das persoas demandantes rexistradas polo servizo público. Trátase de aproveitar as posibilidades que brindan a intelixencia artificial e a analítica avanzada para favorecer a xeración de máis e mellor emprego en Galicia.

Data de actualización: 10/10/2023