O presidente do Goberno galego participou na Mesa do Autónomo que se celebrou hoxe no espazo coworking Dálle que dálle, en Vilagarcía de Arousa (Pontevedra)

Rueda anuncia unha cota cero para todos os autónomos que inicien a súa actividade en 2024

A Xunta investirá nesta medida pioneira 9,6 M€ que beneficiarán a unhas 10.000 persoas
 

Rueda salienta que se subvencionará o 100 % das cotizacións dos primeiros 12 meses para as persoas que se dean de alta como autónomas o vindeiro ano
 

Destaca que, xunto coas achegas de 20 M€ en axudas para sufragar os gastos de primeira actividade, cada autónomo en Galicia poderá percibir ata case 8600 euros de axuda
 

Garante o compromiso do Goberno galego para apoiar este sector, tal e como considera que demostra a “cantidade importante” de 45 M€ que se lle dedica nos Orzamentos de 2024
 

Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 23 de outubro de 2023

  

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Goberno galego lanzará en 2024 de forma  pioneira e “novidosa” a ‘Cota cero’ para todas as persoas que inicien a súa actividade como autónomos. Deste xeito, subvencionarase o 100 % das cotizacións dos primeiros 12 meses para as persoas que se dean de alta o vindeiro ano. 

“Galicia é unha terra de emprendemento e ten unha rede sólida que hai que manter e apoiar desde a Xunta”, defendeu Rueda sobre a necesidade desta medida de “estímulo e apoio” que se recollerá nos Orzamentos de 2024. Deuna a coñecer hoxe tras a súa participación na Mesa do Autónomo, celebrada no espazo coworking Dálle que dálle en Vilagarcía de Arousa, onde estivo acompañado da conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo. 

O Goberno galego investirá nesta medida 9,6 millóns de euros, coa que se prevé chegar a unhas 10.000 persoas e será compatible coas axudas que a Xunta xa ten en marcha para o inicio da actividade autónoma. Precisamente, o mandatario galego destacou o feito de que a esta partida se engade a outras de apoio recollidas nos Orzamentos de 2024. Así, tamén adiantou que “se duplicarán” ata acadar os 20 millóns de euros as axudas a este sector para cubrir os gastos da primeira actividade. En total, sumando outras iniciativas de apoio, mantemento e fomento, precisou que se destinará o ano que vén a “cantidade importante” de 45 millóns de euros ao emprego autónomo. 

Segundo especificou, sumando a ‘Cota cero’ e estas axudas, cada nova persoa autónomo en Galicia poderá percibir ata case 8600 euros en achegas.. O mandatario galego puxo en valor esta aportación, xa que considerou que se trata dunha contía significativa para pór en marcha primeiros proxectos e ideas, á vez que para garantir o revelo xeracional neste sector, xa que advertiu que este eido é dun dos “grandes retos” que ten por diante o tecido autónomo en Galicia.  

Importancia dos autónomos na economía galega

O mandatario galego incidiu no valor destas medidas coas que o Goberno autonómico contribúe a seguir convertendo a Galicia nunha terra cada vez máis atractiva para emprender. Neste senso, salientou a importancia para a economía galega do papel dos autónomos, xa que Galicia é a comunidade autónoma con maior porcentaxe de autónomos de toda España, 20 %, fronte ao 16 % da media, o que ten un efecto positivo na economía da comunidade.  

Por este motivo, avalou que desde a Xunta se continúen definindo apoios, e que estes se materialicen facéndoo en diálogo co sector. De feito, apuntou que das reunións coa Mesa do Autónomo, como a celebrada hoxe, saen sempre propostas que o Goberno galego ten en conta. “O noso compromiso é escoitarvos para seguir intentando acertar”, concluíu. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/10/2023