O orzamento de Promoción do Emprego e Igualdade para 2024 incrementa nun 3 % o investimento para a economía social que acadará os 43,6 millóns de euros

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, participou hoxe na apertura da xornada Novas ferramentas de Saves para o cooperativismo galego

O Sistema de Asistencia Virtual para o Cooperativismo e a Economía Social – SAVES- é un recurso que permite o estudo e o coñecemento profundo do cooperativismo agroalimentario en Galicia

Rivo salienta o traballo que se está a facer para deseñar a nova Lei de Cooperativas e a nova Estratexia de Economía Social, dous instrumentos cos que a Xunta avoga pola axilización na creación destas entidades e a mellora do seu funcionamento

Santiago de Compostela, 23 de outubro de 2023
Compartir
  • whatsapp

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, destacou hoxe en Santiago de Compostela a aposta da Xunta en 2024 para impulsar a economía social, xa que os orzamentos da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade contemplan un crecemento do 3 % a este eido, que, deste xeito, contará cun investimento de 43,6 millóns de euros.

Así o salientou na súa intervención na apertura da xornada Novas ferramentas de Saves para o cooperativismo galego, un Sistema de Asistencia Virtual para o Cooperativismo e a Economía Social que permite o estudo e o coñecemento profundo do cooperativismo agroalimentario en Galicia. Rivo sinalou a defensa da Xunta á economía social porque apuntou que é un modelo de emprendemento que aporta emprego, autonomía e axuda a dinamizar o rural, asentar poboación e a crear emprego de calidade apegado ao territorio.

A conselleira, neste eido, lembrou que o Goberno galego está a deseñar una nova Estratexia de economía social e está a elaborar a nova Lei de Cooperativas, para o que será moi útil a nova ferramenta SAVES, xa que, en palabras de Rivo, permite coñecer claves económico-financeiras no ámbito do cooperativismo agrario. Trátase dun recurso deseñado por un equipo de investigadores da Universidade de Vigo e que contou coa colaboración da Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca) e da propia Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

Rivo apelou, por iso, a seguir traballando desde o diálogo e a cooperación entre institucións e entidades para que Galicia camiñe cara un verdadeiro progreso económico e social.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 24/10/2023