A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, participou esta tarde nunha xuntanza con mozos e mozas que participan desta iniciativa

A Xunta pon en valor o programa Xuventude Mentoring na empresa como impulso do emprego entre a mocidade

Mozos e mozas que participaron na primeira edición, así como algunha das entidades colaboradoras neste programa, deron a coñecer a súa experiencia

Un total de 170 mozos e mozas de 18 a 30 anos recibiron formación e realizaron prácticas formativas en entidades de distintos sectores gracias a este programa

A directora xeral mantivo a continuación unha reunión con bolseiros das tres residencias xuvenís da Xunta de Galicia
 

Santiago de Compostela, 10 de novembro de 2023

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, participou esta tarde nunha xuntanza con mozos e mozas que participan este ano na primeira edición do programa Xuventude Mentoring na Empresa, así como representantes dalgunha das empresas adheridas. Durante a súa intervención puxo en valor esta iniciativa do Goberno galego que ten demostrado a súa valía no impulso do emprego entre a mocidade.

Neste encontro celebrado en Santiago de Compostela, participaron os 17 mozos adheridos ao proxecto de Bioga, que fixeron prácticas en oito empresas distintas. No conxunto de Galicia foron 170 mozos e mozas de 18 a 30 anos que se beneficiaron da primeira edición deste Xuventude Mentoring na Empresa. Tamén participaron algunha das entidades adheridas como Mestrelab, ANFACO-CECOPESCA, Grupo Zendal ou Bioga. Durante as súas intervencións deron a coñecer os beneficios que este programa ten para a mocidade e tamén para as empresas participantes ao coñecer o talento da xuventude galega.

A directora xeral lembrou que este programa supón un paso máis na formación e asesoramento á xuventude para facilitar a súa transición á etapa laboral. Durante este primeiro ano, estes mozos puideron recibir formación e tamén realizar prácticas formativas nas empresas asignadas. Neste sentido, a Xunta impulsou tamén no ano 2021 o programa Xuventude Mentoring que permitiu acompañar a preto de 500 mozos e mozas no seu paso de estudantes a profesionais.

Residencias xuvenís da Xunta

A directora xeral mantivo a continuación unha reunión con varios bolseiros das residencias xuvenís da Xunta de Galicia: residencia xuvenil Altamar (Vigo), Lug I (Lugo) e Florentino López Cuevillas (Ourense). Durante o encontro interesouse por como estaban a pasar este curso académico e sobre as súas suxestións de cambios ou melloras nos centros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/11/2023