O presidente da Xunta participa no acto de entrega dos Premios Cegasal 2023

Rueda destaca o apoio e impulso da Xunta ao emprego inclusivo ao que se destinarán 33,4 M€ en 2024

Salienta o compromiso da Xunta e de entidades como Cegasal para inserir no eido laboral as persoas con discapacidade

Valora o impulso galego aos modelos inclusivos que preconiza a economía social

Santiago de Compostela, 21 de novembro de 2023

Alfonso Rueda destacou hoxe o apoio da Xunta ás políticas de emprego inclusivas, ás que se destinarán 33,4 millóns de euros nos orzamentos de 2024, para impulsar a creación dunha sociedade máis equitativa e forte, a través de incentivos, formación dual e axudas á creación e mantemento de emprego en empresas de inserción.

Así o asegurou durante o acto de entrega dos Premios Cegasal 2023, que conmemoran, cada ano, a responsabilidade social e a dedicación cara á inclusión. O titular do Goberno galego salientou o labor da Xunta que, da man de Cegasal e de entidades que traballan coa economía social a través dos centros especiais de emprego, comprométense a inserir no eido laboral as persoas con discapacidade para lograr unhas políticas de emprego inclusivas. 

Rueda valorou o impulso do Goberno galego cara os modelos inclusivos que preconiza a economía social e que nos leva a avanzar cara “unha sociedade máis igualitaria, máis digna e máis xusta”, pensando, especialmente, nas persoas “que estaban agardando a súa oportunidade e que grazas a entidades como Cegasal xa a teñen”, asegurou.

O presidente galego rematou poñendo en valor o gran labor dos galardoados, que “o que fan é contribuír a aportar o seu grao de area”, dixo, en referencia a Cristina Barral e Iago Ebrero (premios xornalísticos), á Consellería de Sanidade (premio á administración autonómica), ao Concello de Ames (premio á administración local), á farmacéutica Janssen (empresa que máis colaborou cos centros especiais de emprego) e a Silvia Valdés (premio especial Cegasal pola súa traxectoria e implicación cos Centros Especiais de Emprego).

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/11/2023