Rivo avoga polo uso responsable e con perspectiva de xénero das intelixencias artificiais por parte dos medios de comunicación

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade inaugurou o Congreso de medios de comunicación e igualdade de xénero organizado pola Asociación de periodistas de Galicia co apoio da Xunta
 

Defendeu a permeabilidade da profesión xornalística cos cambios tecnolóxicos e sociais e o seu compromiso cos dereitos das mulleres
 

Santiago de Compostela, 28 de novembro de 2023

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, participou na inauguración do V Congreso medios de comunicación e igualdade de xénero, organizado pola Asociación de Periodistas de Galicia (APG) co apoio da Xunta.

A chegada das intelixencias artificiais aos medios de comunicación constitúe un reto para o xornalismo e un momento histórico. Disto trata o encontro deste ano, das intelixencias artificiais, unha ferramenta con potencial ilimitado que, como afirmou Rivo, “deben ser empregadas de xeito responsable para evitar caer en dinámicas discriminatorias e de desigualdade”.

A conselleira defendeu a permeabilidade da profesión xornalística ante os avances sociais e tecnolóxicos de cada época e agradeceu á APG o seu compromiso cos dereitos das mulleres e a dignificación da profesión xornalística.

“Quero reiterar o papel indispensable das comunicadoras e comunicadores na consecución dunha sociedade máis xusta e Igualitaria, e o desenvolvemento dun espírito crítico que permita empregar as Intelixencias Artificiais con responsabilidade e perspectiva de xénero”, indicou.

A secretaria xeral da Igualdade, Sandra Vázquez, pola súa banda, tomará parte no Congreso coas súas aportacións ao coloquio Accións para mitigar a desigualdade ou o acoso e a violencia de xénero nas novas tecnoloxías.

O V Congreso, financiado pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, celébrase durante esta xornada no auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago.

Entre os conferenciantes atópanse Idoia Salazar García, fundadora do Observatorio del Impacto Social y Ético de la Inteligencia Artificial OdiseIA; Miren Gutiérrez Almazor, investigadora principal de ARES; Violeta Molina Gallardo, corresponsal de xénero da Axencia EFE e as redactoras especializadas Raquel Holgado e Carolina González Valenzuela. Xunto a elas, tamén estarán Gabriela Bouret y Natalia Louzau, xornalistas de La Nación arxentina. Desde Galicia aportarán as súas visións o responsable de Ciencia de La Voz de Galicia, Raúl Romar García, e a adxunta ao director xeral da CRTVG,  Rosa Vilas Núñez.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/11/2023