A Xunta pon en valor as posibilidades que ofrece o programa Retorna Cualifica Emprego para cubrir as vacantes laborais do sector da hostalaría e o turismo

A directora xeral de Formación para o Emprego e Orientación, Zeltia Lado, clausurou hoxe en Santiago o Foro Retorna Emprego enfocado neste sector, organizado pola Fundación Nortempo en colaboración coa Cámara de Comercio de Santiago

Santiago de Compostela, 28 de novembro de 2023
Compartir
  • whatsapp

A directora xeral de Formación para o Emprego e Orientación, Zeltia Lado, clausurou hoxe o Foro Retorna Emprego sobre o sector da hostalaría e o turismo, organizado pola Fundación Nortempo en colaboración coa Cámara de Comercio de Santiago. Alí, puxo en valor as posibilidades que ofrece o Programa Retorna Cualifica Emprego da Xunta non só para que volvan a Galicia as galegas e galegos residentes no exterior senón tamén para cubrir as vacantes do noso mercado laboral, téndose xa favorecido o retorno á nosa Comunidade de máis de 200 persoas cun contrato estable.

Na súa intervención, a directora xeral afirmou que o Goberno galego continuará o ano que vén a desenvolver esta iniciativa, que outorga ás persoas beneficiarias axudas para a viaxe, formación orientada ao emprego, contrato de traballo indefinido e tamén un apoio económico para o comezo da súa vida de volta a Galicia.

Zeltia Lado asegurou que a hostalaría é só un dos sectores que precisa cubrir vacantes, xa que tamén demandan persoas traballadoras outros como o das novas tecnoloxías, o da construción ou o da loxística.

Nese senso, aseverou que Galicia está a captar talento do estranxeiro non só mediante o Programa Retorna Cualifica Emprego, senón que tamén se están a impulsar outras iniciativas como un proxecto piloto de arraigamento, para a formación das persoas inmigrantes que chegaron a Galicia con necesidade de traballo.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 28/11/2023