O persoal investigador da administración galega contará a principios de 2024 cun novo marco lexislativo que mellorará as súas condicións laborais

Rueda destaca que Galicia se converterá na primeira Comunidade de España en regular a carreira profesional de todo o persoal de investigación que depende da Xunta dándolle “certeza” e “estabilidade”

Salienta que estimulará a captación de fondos a través dun complemento retributivo non consolidable e tamén se establece un complemento de excelencia investigadora persoal e consolidable como resultado da avaliación positiva da súa actividade

Tamén pon en valor a partida de 60 M€ que o Goberno galego destinará en 2024 para que as universidades galegas e os seus centros dependentes contraten investigadores

Santiago de Compostela, 30 de novembro de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que Galicia aprobará a principios do ano que vén o novo marco lexislativo que permitirá mellorar as condicións laborais de todo o persoal investigador ao servizo da Administración autonómica e dos seus organismos, “converténdose así na primeira Comunidade de España en regular esta carreira profesional”.

“Era unha reivindicación xusta e longamente demandada”, admitiu Rueda, quen considerou que con este novo decreto dáselle “certeza” ao persoal investigador da Administración autonómica, xa que se lle ofrece “estabilidade para que sigan desenvolvendo a súa profesión en Galicia e non se vaian a outros lugares”.
 
Deste xeito, tras aprobación hoxe no Consello da Xunta do texto deste decreto que regula a carreira investigadora na Administración galega, remitiráselle ao Consello Consultivo para que este emita o seu ditame ao respecto e consecuentemente que poida entrar en vigor a finais deste ano ou principios de 2024.
 
Desta forma, desenvolve a Lei estatal da ciencia, tecnoloxía e a innovación, que establece a necesaria estabilización pero non crea unha carreira. Con este decreto, a Comunidade contará cun marco profesional transversal -que, pola súa vez, respecta as peculiaridades que cada sector poida presentar- e proporciona tanto estabilidade laboral ao persoal de investigación -mellorando e homoxeneizando as súas condicións- como a fixación da senda para a contratación do futuro. 

Rueda puxo en valor que, con este novo decreto, Galicia aspira a reter e captar o talento investigador ofrecendo un marco laboral estable e atractivo que, ademais, permitirá reforzar a investigación e desenvolvemento de tecnoloxías que contribuirán a un crecemento baseado no coñecemento. 

O decreto nace do consenso e a participación de todos os colectivos afectados co obxectivo de recoller as características e singularidades de todos os centros e ámbitos sectoriais implicados e dar resposta ás súas principais demandas e contou, ademais, co apoio da maioría dos sindicatos presentes da Comisión de Persoal.  

O presidente da Xunta explicou que, tras rematar as etapas pre o posdoutoral, regúlase o acceso ao sistema a través dun contrato laboral fixo, e créanse as categorías de investigador estable e investigador sénior. Tamén precisou que se crea un itinerario para o persoal técnico de investigación definindo outras dúas categorías: técnico superior de investigación e técnico de investigación sénior.  

En canto ao réxime retributivo, Rueda avanzou que, ademais do salario base, establécese un complemento de excelencia investigadora persoal e consolidable como resultado da avaliación positiva da súa actividade; un complemento non consolidable vinculado á captación de fondos en convocatorias competitivas, así como o dereito do persoal de investigación a participar nos beneficios que obteñan as entidades para as cales prestan servizos como consecuencia da eventual explotación dos resultados da actividade. 

Por outra banda, o presidente da Xunta salientou que facilita a mobilidade do persoal fomentando a súa formación, a colaboración entre o tecido investigador e empresarial e o desenvolvemento de actividades empresariais por parte do persoal investigador. Así permítense estadías formativas, a adscrición temporal a axentes públicos ou privados dos sistemas galego e español de ciencia, tecnoloxía e innovación, así como excedencias temporais para a prestación de servizos a axentes públicos ou privados.

60 M€ en 2024 para que as universidades contraten investigadores

Rueda tamén puxo en valor a partida de 60 millóns de euros durante 2024 que o Goberno galego vai destinar a apoiar a contratación de investigadores que se faga desde as universidades galegas ou organismos dependentes das mesmas. Esta cantidade, segundo salientou, é un 50 % máis con respecto á que recibiron o ano pasado. 

O presidente galego aclarou que con estes fondos sufráganse oito convocatorias distintas, da que o Consello da Xunta aprobou hoxe a primeira, que recolle 3,6 millóns de euros para a contratación por parte das universidades galegas, ou centros que dependen delas, de 23 investigadores posdoutorais. Rueda explicou que a principal novidade é que nesta edición se amplía a duración dos contratos ata os tres anos, cando ata o de agora eran dous. 

O mandatario galego apuntou que o obxectivo é que poidan seguir desenvolvendo a súa carreira científica en Galicia e deste xeito favorecer o desenvolmento dun sistema galego de investigación forte e especializado.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/11/2023