A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, co delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e o director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, supervisou as obras da nova estación de autobuses intermodal

A Xunta avanza na materialización dun investimento de 40 M€ para sumar á Coruña á intermodalidade e demanda ao Goberno servizos de tren fiables e competitivos e os trens Avril para garantir a alta velocidade

Vázquez Mourelle subliña que con estas obras será posible pasar do autobús ao tren en menos de 5 minutos desde unha nova terminal que acollerá máis de 500 expedicións diarias e 2,7 millóns de viaxeiros ao ano

As obras que executa a Xunta da nova estación de autobuses, do aparcadoiro e dos elementos comúns avanzan a bo ritmo, con 60 operarios e 20 máquinas traballando cada día

As cimentacións están executadas ao 72% e prevese que en xaneiro comece a construción da lousa do teito do parking, que será o chan do futuro edificio da estación, que empezará a levantarse no 2º semestre do ano
 

A Coruña,  1 de decembro de 2023
Compartir
  • whatsapp

A Xunta avanza na materialización dun investimento de 40 M€ para sumar á Coruña á intermodalidade e demanda ao Goberno servizos de tren fiables e competitivos e os trens Avril para garantir a alta velocidade.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e o director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, supervisou hoxe as obras da nova estación de autobuses intermodal.

Subliñou que os traballos que asume a Xunta, que son a construción da terminal de autobuses, do aparcadoiro e dos elementos comúns, avanzan a bo ritmo, cun grao de execución do 15% e con 60 operarios e 20 máquinas mobilizadas.

A estación intermodal, no seu conxunto, é froito da colaboración entre a Xunta, Adif e o Concello, que mobilizarán un investimento global de 120 M€. O obxectivo é dotar a cidade dun nó de transporte público de viaxeiros que facilitará o intercambio entre o autobús e o tren dun modo áxil e seguro.

A conselleira subliñou que grazas a estas obras serán menos de 5 minutos os que se tardará en pasar do autobús ao tren, a través dunha nova estación de autobuses que acollerá máis de 500 expedicións diarias e máis de 2,7 millóns de viaxeiros ao ano.

A terminal contará cun nivel superior ao que se accederá desde a avenida da Sardiñeira e albergará o edificio de viaxeiros, 20 dársenas de operación e a pasarela peonil de comunicación coa avenida do Ferrocarril. No nivel inferior situarase o aparcadoiro no que se está a traballar co obxectivo de chegar ata as 500 prazas.

A conselleira concretou que xa están executados as cimentacións ao 72% e 98 piares da estación de autobuses, os máis próximos á de tren, sobre os que irán as dársenas.  Avanzouse, tamén, coa disposición de 175 pilotes do muro pantalla de contención da avenida de Sardiñeira, traballos que continúan cos dos colectores de saneamento e as obras de drenaxe e os firmes do aparcadoiro.

Segundo apuntou a titular de Infraestruturas e Mobilidade, nos vindeiros días comezarase coa execución da lousa do futuro aparcadoiro da estación intermodal e cara a mediados de decembro coas lousas das futuras dársenas da terminal. A previsión é que en xaneiro se comece a executar xa a lousa do teito do parking, que será o chan do futuro edificio da estación de autobuses e no 2º semestre empezará a levantarse xa o edificio.

En relación aos elementos comúns, Ethel Vázquez indicou que as obras están tamén avanzadas. Xa se demoleron as instalacións de Adif, está executada a cimentación do novo edificio de realoxos e o paso inferior ao 55%, cos 70 pilotes dispostos na rampla de saída cara a Correos.

Tamén está disposta a pantalla de pilotes de cimentación da futura pasarela e entre finais de ano e xaneiro estarán finalizados a estrutura, o peche perimetral e a cuberta do edificio de realoxos, prevéndose rematar a tabicaría interior na primavera.

As obras da estación intermodal da Coruña están a ser financiadas pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional do programa operativo Feder Galicia 2021-2027.

Alta velocidade ferroviaria

Ethel Vázquez informou de que recentemente se dirixiu ao ministro de Transportes e Mobilidade Sostible, Óscar Puente, para solicitarlle a urxente posta en servizo dos trens Avril de rodadura desprazable para que a alta velocidade poida chegar a cidades como A Coruña.

Manifestou a inquedanza pola incerteza de cantos trens Avril se destinarán a Galicia, tendo en conta que se precisan 7 unidades para garantir uns servizos ferroviarios en alta velocidade adaptados ás peculiaridades do noso territorio. Cabe sinalar que a día de hoxe se descoñecen cales son os criterios de reparto que seguirá o Ministerio.

A Xunta tamén vén de demandar ao Goberno a súa implicación para dar solución ás incidencias constantes nos servizos ferroviarios na comunidade, que están a impactar negativamente no día a día dos usuarios e derivan nun transvase cara ao autobús.

Reiterou ao Executivo central a necesidade de modernizar a liña ferroviaria entre A Coruña e Ferrol para garantir unha conexión competitiva coa alta velocidade; ou de incorporar ao Corredor Atlántico Noroeste a liña Lugo-A Coruña-Ferrol.

Ademais o Goberno galego insiste na transferencia a Galicia da AP-9 e solicita concreción nas previsións para a reconstrución dos viadutos da A-6 e na execución das autovías pendentes.

Data de actualización: 01/12/2023