O DOG publica a oferta de emprego público do Servizo Galego de Saúde con máis de 1.200 prazas

A OPE do Sergas de 2023 contempla 168 prazas de persoal licenciado sanitario, 958 de diplomado sanitario e de formación profesional e 81 de xestión e servizos

A oferta de emprego público reserva 61 prazas para persoas con discapacidade xeral e 33 para profesionais con discapacidade intelectual

Compartir
  • whatsapp

Santiago de Compostela, 7 de decembro de 2023

O Diario Oficial de Galicia, na súa edición de hoxe, publica o Decreto polo que se aproba a oferta de emprego público (OPE) 2023 do Servizo Galego de Saúde que contará con 1.207 prazas, distribuídas en 168 prazas de persoal licenciado sanitario, 958 de diplomado sanitario e de formación profesional e 81 de xestión e servizos.

En concreto, a oferta de 168 prazas de persoal médico na categoría de licenciado sanitario comprende 121 de medicina de familia, 35 de urxencias hospitalarias e 12 de hospitalización a domicilio. As 958 prazas de diplomatura sanitaria e de formación profesional divídense en 818 de enfermaría, 121 de técnico superior en laboratorio de diagnóstico clínico, 11 de técnico superior en dietética e 8 de anatomía patolóxica e citoloxía. Por último, das 81 prazas da categoría de xestión e servizos, 37 correspóndense a persoal de traballo social, 33 de auxiliar de función administrativa, 5 de xestión da función administrativa, 2 do grupo técnico da función administrativa e 4 de técnico superior en prevención de riscos laborais.

En canto á inclusión das persoas con discapacidade na Administración pública, a OPE do Sergas de 2023 conta con 61 prazas reservadas a persoas con discapacidade xeral e, como novidade, o decreto da oferta de emprego público contempla a concentración da reserva de prazas de discapacidade intelectual no grupo auxiliar da función administrativa e, polo tanto, as 33 prazas ofertadas estarán reservadas para as persoas con este tipo de discapacidade.

Protección a vítimas de violencia de xénero ou sexual

Entre as novidades do decreto, no seu artigo 10 inclúense por primeira vez medidas específicas dirixidas a protexer as aspirantes vítimas de violencia de xénero ou violencia sexual. Nomeadamente serán medidas dirixidas á protección da súa intimidade e, no caso das aspirantes definitivamente seleccionadas, á asignación dun destino que favoreza a súa protección e o dereito á asistencia social.

Por outra banda, os baremos de méritos dos procesos selectivos convocados ao abeiro da OPE 2023 deberán incluír unha puntuación específica que valore a prestación de servizos nos centros sanitarios de atención primaria do Servizo Galego de Saúde que teñan a consideración de illados ou de difícil cobertura, así como nos seus hospitais comarcais.

Igualmente, co obxecto de atender as necesidades asistenciais dos ámbitos sanitarios de difícil cobertura, poderán ofertarse ás persoas aspirantes seleccionadas nos procesos de selección fixa as prazas dos hospitais comarcais e postos de atención primaria de difícil cobertura que queden vacantes con posterioridade á data de publicación da oferta de destinos do último concurso de traslados.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 07/12/2023