A Residencia Xacobeo acollerá en marzo a un autor estranxeiro para traducir obras galegas

A Xunta de Galicia e a Residencia Literaria 1863 abren o prazo desta bolsa para contribuír á proxección exterior de literatura galega

Os interesados poderán presentar as súas candidaturas ata o 30 de decembro

No segundo semestre do ano, poetas galegos viaxarán a Irlanda dentro deste intercambio

Compartir
  • whatsapp

A Coruña, 10 de decembro de 2023

A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades e a Residencia Literaria 1863 da Coruña veñen de convocar a IV Residencia Xacobeopara tradutores de literatura galega. Así o informan o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e a xestora cultural da Residencia Literaria 1863, Yolanda Castaño, co obxectivo de estimular e promocionar a tradución de obras literarias en galego, así como impulsar as letras galegas no estranxeiro.

Esta cuarta convocatoria “é unha nova oportunidade para que un tradutor literario que planee verter unha obra orixinalmente escrita en galego a calquera lingua do mundo o poida facelo nunhas condicións de excelencia e empapándose da cultura que as viu nacer”, explica Anxo M. Lorenzo, quen anima aos interesados a presentar os seus proxectos antes do 30 de decembro, data na que se cerra o prazo da convocatoria. “No segundo semestre do ano lanzaremos a convocatoria para que autores galegos vaian a Irlanda, completando este intercambio literario”, engadiu.

O tradutor que se beneficiará desta estadía, da que desfrutaron nas anteriores edicións os estadounidenses Jacob Rogers e Kathleen March, e o letón Arvis Viguls, aspirarán a unha estadía na Coruña durante todo o mes de marzo de 2024. Contarán co aloxamento na Residencia Literaria 1863, un apartamento do século XIX en pleno casco histórico, con vistas á dársena e todas as comodidades, “onde todo favorece a concentración no traballo”, puntualiza o representante de Cultura da Xunta.

A estadía na Coruña

Ademais, o gañador terá cuberto o billete aéreo desde o seu país e unhas dietas para gastos básicos, así como acceso prioritario a museos, bibliotecas, concertos, encontros literarios, obras de teatro e outros eventos nunha cidade que conta cunha rica e diversa vida cultural. O tradutor, se o desexa, terá a oportunidade de ofrecer un encontro público de mostra do seu traballo en Galicia.

Poderá concorrer á convocatoria Residencia Xacobeo calquera tradutor, maior de 18 anos, de obras de literatura en galego, en calquera xénero literario e para calquera lingua do mundo. Os aspirantes só poderán presentar un único proxecto de tradución literaria.

Esta colaboración entre Xunta de Galicia e Residencia Literaria 1863 pretende incentivar, así, o dedicado e minucioso labor da tradución literaria, o intercambio internacional e o traslado de obras da literatura galega para outros idiomas e sistemas literarios, facéndoo desde o mesmo contexto cultural onde foran creadas.

Plan Xeración Cultura

Esta iniciativa enmárcase dentro do Plan Xeración Cultura, a folla de ruta da Consellería que reforza ao sector cultural galego. A Residencia Xacobeo é unha das primeiras residencias anuais que lanza a Xunta de Galicia, que se complementará cunha convocatoria para que poetas galegos poidan viaxar a Irlanda ao Centro Tyrone Guthrie de Annaghmakerrig.

Con este programa de intercambio literario e con outras propostas que se promoverán ao longo do vindeiro ano, a Consellería de Cultura reforza a proxección exterior das letras galegas e a promoción da nosa cultura e dos nosos artistas.

 

 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 10/12/2023