O presidente da Xunta achegouse a dous pavillóns deportivos do Porriño (Pontevedra)

Rueda anuncia que o Bono Deporte de 120 euros estará activo o 8 de xaneiro para todas as familias con rapaces de entre 6 e 16 anos federados ou inscritos no programa Xogade

Salienta que a Xunta vai destinar “máis de 16 M€” a estas axudas co obxectivo de chegar “a 135.000 rapaces e rapazas”

O Bono axudará ás familias a sufragar o 80 % das compras de material e equipamento ou a asistencia a clases de actividades deportivas e poderá utilizarse ata o 1 de xullo de 2024

Resalta que o obxectivo é promover o deporte entre os cativos para que “socialicen entre si, o pasen ben e medren con máis saúde”

O Porriño (Pontevedra), 11 de decembro de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que as familias poderán descargar a partir do 8 de xaneiro o Bono Deporte de 120 euros ao que poderán acceder todas as que teñan fillos, de entre 6 e 16 anos, que estean federados ou inscritos no programa escolar de fomento da actividades deportivas Xogade. O obxectivo “é chegar a 135.000 rapaces e rapazas” para o que o Goberno galego vai investir “máis de 16 millóns de euros”.

 

Rueda puxo en valor esta nova medida de apoio á práctica deportiva impulsada pola Xunta, recollida nos Orzamentos de 2024, durante a súa visita a dous pavillóns deportivos do Porriño, mentres os cativos participaban en actividades, e na que estivo acompañado polo vicepresidente primeiro e Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e polo secretario xeral para o Deporte, Xosé Ramón Lete.

 

O Bono Deporte vai axudar ás familias a sufragar o 80 % das compras en material de equipamento ou do custe da asistencia a clases de actividades deportivas. O obxectivo é promover a práctica de exercicio entre os máis cativos. “Se fomentamos o deporte e conseguimos que o ocio de moitos rapaces -agora que hai moitas alternativas- sexa o deporte, estaremos facendo algo bo”, indicou Rueda, quen resaltou que con este Bono, a Xunta busca que os rapaces “socialicen entre eles, o pasen ben e medren con máis saúde”.

 

Poderá ser empregado ata o 1 de xullo

Cada familia poderá descargar un Bono Deporte por cada un dos fillos ou fillas e poderán facer uso del ata o 1 de xullo. Precisamente, hoxe o Diario Oficial de Galicia publica a convocatoria das axudas, así como as condicións e prazos para as entidades que se queiran unir ao programa. Poderán facelo desde mañá ata o 30 de decembro.

 

Esta nova axuda enmárcase dentro das que se incorporarán con cargo aos Orzamentos de 2024 e que se activarán a partir de xaneiro. Entre elas, están o Bono Coidados no Fogar con 5000 euros anuais a persoas dependentes que son coidadas nas súas casas; á gratuidade do bus da rede autonómica para as persoas maiores de 65 anos, que tamén serán beneficiarias da nova tarxeta +65 con bonificacións e descontos; ou á aplicación da cota cero para o primeiro ano de actividade dos que decidan emprender como autónomos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/12/2023