O conselleiro do Medio Rural asistiu á reunión do Comité de seguimento do PDR de Galicia, celebrado no Pazo de Fontefiz

A Xunta executou xa máis do 77 % do programa de desenvolvemento rural de Galicia e situáse cinco puntos por riba da media nacional

José González subliñou tamén que a nosa comunidade ocupa a primeira posición, canto ao grao de aplicación deste programa, dentro das cinco autonomías que máis fondos xestionan en España

Puxo en valor que o PDR suporá un gasto público total de 1.606 millóns de euros ata finais de 2025 (dos cales xa están executados máis de 1.241 millóns), o que dá idea -resaltou- da súa importancia canto á inxección de fondos para o rural galego

Incidiu no labor que realiza o Centro de Recursos Zooxenéticos de Galicia -situado no propio recinto de Fontefiz e adscrito á Consellería- para a recuperación e conservación das razas gandeiras autóctonas da comunidade

Salientou as 74 hectáreas de pastos deste centro e vinculounas coa aposta da Xunta a prol da gandaría en extensivo, cun plan de pastos que para toda Galicia suporá a mobilización de máis de 4.400 hectáreas e un investimento total duns 9,5 M€

Coles (Ourense), 13 de decembro de 2023

Galicia destaca polo elevado grao de execución do seu Programa de Desenvolvemento Rural (PDR), que acada xa o 77,3 %, máis de cinco puntos por riba da media nacional, que se sitúa no 72,1 %. Así o destacou hoxe o conselleiro do Medio Rural, José González, con motivo da reunión do Comité de seguimento deste programa, que se desenvolve no Pazo de Fontefiz, na localidade ourensá de Coles. Deste órgano forman parte responsables da Xunta, da Administración Xeral do Estado e da Comisión Europea, así como representantes do sector agrogandeiro e forestal. A autoridade de xestión do PDR corresponde ao secretario xeral técnico da Consellería do Medio Rural, Joaquín Macho, quen presidiu a reunión.

Segundo explicou o conselleiro, Galicia ocupa a primeira posición dentro das cinco comunidades autónomas que máis fondos xestionan en España, no que atinxe á execución do programa. Supera, polo tanto, a Andalucía, Castela A Mancha, Castela e León e Estremadura neste baremo.

Nesta liña, o conselleiro puxo en valor que este programa suporá un gasto público total de 1.606 millóns de euros ata finais de 2025 (dos cales xa están executados máis de 1.241 millóns), o que dá idea -subliñou- da súa importancia canto á  inxección de fondos para o desenvolvemento do rural galego.

Recursos zooxenéticos

Nesta visita, José González puxo en valor tamén o labor que se realiza no Centro de Recursos Zooxenéticos de Galicia -situado no propio recinto de Fontefiz e adscrito á Consellería- para a recuperación e conservación das razas gandeiras autóctonas da comunidade. Neste sentido, o conselleiro, que estivo acompañado polo director do centro, Julio Feijoo, explicou que nestas instalacións trabállase a través de tres liñas fundamentais.

En primeiro lugar, no mantemento do rabaño fundacional das cinco razas bovinas en perigo de extinción (Cachena, Caldelá, Frieiresa, Limiá e Vianesa), composto por 260 cabezas de gando. En segundo termo, mediante a unidade de recuperación da galiña de Mos, que conta con 240 aves en total e, en terceiro lugar, por medio do mantemento e aumento do Banco de Xermoplasma, no que se recollen e conxelan as doses seminais dos sementais doantes das distintas especies.

Ademais, remarcou o conselleiro, este centro contribúe e promove, xunto coas asociacións de criadores e outras institucións -caso do Centro Tecnolóxico da Carne- traballos de investigación para obter datos experimentais sobre os recursos zooxenéticos autóctonos galegos. Estes proxectos de investigación aportan unha información fundamental para o coñecemento das razas e das capacidades produtivas e reprodutivas que poden acadar, destacou González.

Pastos

A maiores, o titular de Medio Rural puxo de relevo tamén as 74 hectáreas de pastos coas que conta este centro de Fontefiz e vinculou esta superficie coa aposta da Xunta a prol da gandaría en extensivo, cun plan de pastos que para toda Galicia suporá a mobilización de máis de 4.400 hectáreas e un investimento total previsto de arredor de 9,5 millóns de euros, lembrou.

O obxectivo de todo este traballo, rematou o conselleiro, é promover un mellor aproveitamento dos recursos naturais para traballar na anticipación aos incendios forestais e, sobre todo, garantir a rendibilidade das explotacións, ao facilitarlles máis base territorial e proporcionarlles novas ferramentas para xerar oportunidades de riqueza no rural.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/12/2023