A Xunta e a Asociación Galega do Hidróxeno avalían os vindeiros retos para avanzar no desenvolvemento deste vector enerxético

A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, reuniuse coa directiva da entidade

Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2023

A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, mantivo unha reunión coa dirección da Asociación Galega do Hidróxeno, na que avaliaron os retos que este sector debe afrontar para poder avanzar no desenvolvemento do hidróxeno verde en Galicia. Un vector enerxético que será clave para a descarbonización e que precisa dun plan estratéxico con actuacións concretas.

A conselleira puxo en valor o traballo realizado pola Asociación Galega do Hidróxeno e o seu compromiso pola promoción de proxectos empresariais en torno á cadea de valor do hidróxeno verde; a realización de estudos técnicos e regulatorios; o desenvolvemento de seminarios específicos e o impulso á formación especializada; e a análise das capacidades industriais de Galicia neste ámbito, entre outros aspectos.

Durante a xuntanza tratáronse as posibles vías de colaboración para o vindeiro ano, dando continuidade ás desenvolvidas ao longo deste último exercicio e buscando dar máis visibilidade aos proxectos que se están desenvolvendo ou que se van poñer en marcha para atraer novos investimentos cara á Comunidade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/12/2023