A Xunta licita por 2,47 M€ catro novos contratos para seguir avanzando na dixitalización das estradas autonómicas
Trátase de continuar impulsado as actuacións en marcha da Estratexia de dixitalización e innovación en materia de estradas de Galicia ás que se destinará ata o ano 2027 un investimento de 20 M€
Unha parte das actuacións centradas na dixitalización da estrada e do seu entorno, xunto coas de mantemento das aplicacións que están en servizo, supuxeron xa un investimento de preto de 5 M€
Os contratos divídense en 4 lotes e inclúen os servizos de xeración da xeodatabase de información da rede viaria; a dixitalización e vectorización dos expedientes de autorizacións en materia de estradas; a integración dos datos de expropiacións; e o seguimento dos proxectos tecnolóxicos
As empresas interesadas nestes contratos poderán presentar as súas ofertas ata o 26 de xaneiro
Esta estratexia da Xunta fixa 5 retos: rapidez e eficacia na xestión das vías, facilitar o despregamento do vehículo autónomo, a aplicación de tecnoloxías Big Data e de intelixencia artificial, xestión avanzada da seguridade viaria e formación especializada
Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2023
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, vén de licitar por un total de 2,47 M€ catro novos contratos para seguir avanzando na dixitalización da rede autonómica de estradas de Galicia.
Trátase de continuar impulsado as actuacións en marcha da Estratexia de dixitalización e innovación en materia de estradas de Galicia, nas que se fixan 5 liñas de actuación: administración dixital, dixitalización das estradas e a súa contorna, integración de sistemas de información, desenvolvemento de novas solucións e integración de sistemas intelixentes de transporte.
Con estas actuacións a Xunta busca desenvolver aumentar a eficacia na xestión da rede autonómica de estradas de Galicia, aprobada o pasado mes de agosto polo Consello da Xunta, e a cuxo conxunto de actuacións se destinará ata o ano 2027 un investimento de 20 M€.
Unha parte das actuacións centradas na dixitalización da estrada e do seu entorno, xunto coas de mantemento das aplicacións que están en servizo, supuxeron xa un investimento de preto 5 M€. Estas actuacións contaron con fondos europeos, principalmente, React-EU, e fondos propios do departamento de Infraestruturas da Xunta.
O obxecto dos contratos licitados hoxe
No marco deste traballo para impulsar a estrada intelixente na rede viaria autonómica, os novos contratos que se licitan hoxe, en catro lotes independentes, dan comezo a unha nova etapa no desenvolvemento desta estratexia, que recolle as actuacións necesarias para organizar de xeito eficiente a xestión da rede de estradas autonómicas.
O primeiro lote diríxese á xeración da xeodatabase de información da rede de estradas de Galicia, en base aos traballos de dixitalización e vectorización realizados nos últimos anos. O obxectivo deste contrato é establecer os protocolos apropiados para proceder, no futuro, ás sucesivas actualizacións de información, cada vez que algún elemento da rede viaria se vexa sometida a unha actuación que varíe a súa xeometría.
O segundo lote afondará no desenvolvemento da dixitalización e vectorización dos expedientes de autorizacións da rede autonómica de estradas, incluíndose tamén a vectorización da traza daquelas actuacións autorizadas sobre a zona de dominio público das estradas, de modo que o resultado do traballo se poderá implementar nun sistema de información xeográfica.
No caso do terceiro e do cuarto lote, respectivamente, centraranse na migración de datos de expropiacións desde as ferramentas informáticas dos Servizos Provinciais ao sistema de tramitación de expedientes de expropiación (SITEX), e no asesoramento e seguimento dos proxectos tecnolóxicos desenvoltos para a Axencia Galega de Infraestruturas.
As empresas interesadas nestes contratos licitados hoxe poderán presentar as súas ofertas ata o 26 de xaneiro.
O financiamento das novas actuacións da Estratexia provirá, fundamentalmente, da partida asignada á Comunidade Autónoma de Galicia de fondos do Programa Galicia FEDER 21/27.
Nos vindeiros meses continuarase desenvolvendo a Estratexia, coa licitación de novos contratos tanto por parte da Axencia Galega de Infraestruturas como da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), para o desenvolvementos de novas ferramentas informáticas de xestión da información en materia de estradas, para análise de datos provenientes do vehículo conectado, para dixitalización do arquivo de proxectos de estradas, entre outras tarefas a realizar.
Cómpre lembrar que a Estratexia de dixitalización e innovación en materia de estradas de Galicia fíxase cinco retos concretos.
O primeiro é conseguir máis rapidez e eficacia na xestión, tanto para promover a optimización e innovación das infraestruturas e do transporte por estrada como para tramitar as autorizacións precisas para actuar no dominio público viario. Suporá un grande impulso técnico para aproveitar ao máximo as potencialidades das vías e unha maior axilidade no outorgamento de permisos ao cidadán.
O segundo reto que se fixa é facilitar o despregamento do vehículo autónomo; o terceiro, a aplicación de tecnoloxías Big Data e a intelixencia artificial para unha maior eficacia e eficiencia no mantemento e conservación das estradas; o cuarto reto é a xestión avanzada da seguridade viaria para a protección dos usuarios: prevención de accidentes empregando técnicas de intelixencia artificial para previr os sinistros con animais; e o quinto reto, a formación especializada.