A Xunta apoia a transformación dixital de empresas como a luguesa Álvarez Real, beneficiaria do programa InnovaPeme

A empresa luguesa implantará un plan de innovación co apoio da Xunta de Galicia

Este plan inclúe a creación dunha unidade de innovación dixital; a optimización de procesos e sistemas de información e a seguridade da información crítica

Lugo, 3 de xaneiro de 2024

A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, acompañada polo delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Javier Arias, visitou a peme luguesa Álvarez Real, para coñecer o plan de innovación que van implantar en 2024 co apoio da Xunta a través do programa InnovaPeme.

Dedicada á consultoría, xestión de empresas, propiedade intelectual e rexistro de patentes, entre outros servizos, Álvarez Real contempla tres obxectivos cun investimento de máis de 60.000 euros: a creación dunha unidade de innovación dixital, a optimización dos procesos e sistemas de información a través da dixitalización, e garantir a ciberseguridade da información.

Estas actuacións que vai desenvolver co apoio da Xunta, permitiranlle mellorar a súa competitividade e a experiencia dos clientes, reducir de forma considerable os tempos de operación e toma de decisións -máis fiables e baseadas en datos- e incrementar a seguridade da información que manexa fronte a ciberataques.

Álvarez Real conta con 12 delegacións en Galicia e cunha oficina en Londres. É unha das pemes beneficiarias do programa InnovaPeme 2023 que a Administración autonómica acaba de resolver, e que este ano se convocou conxuntamente co programa DeseñaPeme co obxectivo de impulsar a competitividade das pequenas e medianas empresas galegas a través da innovación e o deseño. A través destes plans, as empresas poderán mellorar ou adaptar os seus procesos e a súa organización para ser máis eficientes, integrar tecnoloxías ou introducir novos produtos e servizos no mercado.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/01/2024