A Xunta busca reforzar e impulsar os programas de acceso ao emprego dos galegos retornados

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e a Secretaría Xeral de Emigración analizaron nunha reunión os programas desenvolvidos no ano 2023, tanto de apoio ao emprendemento como de acompañamento na busca de emprego por conta allea

Outro dos puntos focais da reunión foi o programa 'Retorna Cualifica Emprego', que terá a súa continuidade no ano 2024
 

Santiago de Compostela, 5 de xaneiro de 2024

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e a Secretaría Xeral da Emigración mantiveron unha reunión co fin de reforzar e dar un novo impulso aos programas de emprego destinados a apoiar aos galegos retornados.

O encontro tivo como obxectivo principal analizar e avaliar os programas actuais incluídos na 'Estratexia Galicia Retorna', unha iniciativa clave para fomentar o retorno e a integración laboral dos galegos que residen no estranxeiro. Entre os temas tratados, destacou a revisión dos mecanismos de apoio para emprendedores retornados e tamén na orientación á contratación por conta allea.

Nesta materia, desenvolven un papel clave as Oficinas Integrais de Asesoramento e Seguimento ao Retorno que contan cun servizo específico de orientación laboral exclusivamente destinado para os galegos retornados e que traballa coordinadamente cos equipos da consellería de emprego.

Un dos puntos focais da reunión foi o programa 'Retorna Cualifica Emprego', que busca proporcionar un posto de traballo indefinido aos galegos que retornan. Este programa, que tan bos resultados produciu ao longo de 2023, vai ter a súa continuidade en 2024 ante a demanda tan importante que está a ter.

Os representantes das dúas entidades expresaron o seu compromiso conxunto para continuar traballando de maneira colaborativa, asegurando que os galegos retornados teñan todas as ferramentas e oportunidades necesarias para integrarse con éxito no mercado laboral galego.

Con esta reunión dase un paso máis cara a unha maior integración e apoio aos galegos que desexan retornar á súa terra natal, reafirmando o compromiso de Galicia coa súa diáspora e valorando o aporte que estes fan ao desenvolvemento económico e social da nosa Comunidade Autononoma

Data de actualización: 05/01/2024