A directora xeral de Patrimonio Natural supervisou esta mañá o operativo de control e recollida do material arrastrado polo mar ata os areais deste espazo natural

Vixiantes e persoal ao servizo da Xunta retiran das praias do Parque natural de Corrubedo sacos e pellets plásticos vertidos polo mercante Toconao

Belén do Campo explica que polo momento non hai constancia de danos na biodiversidade da zona e asegura que o persoal do seu departamento seguirá vixiante

Ribeira (A Coruña), 7 de xaneiro de 2024

Un operativo integrado por axentes medioambientais, vixiantes e persoal especializado ao servizo da Xunta percorre as praias do Parque Natural complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán para detectar e proceder á retirada dos pellets plásticos que nas últimas xornadas están chegando á costa galega, tanto en sacos como de forma dispersa.

A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, achegouse esta mañá ata o Centro de recepción de visitantes para supervisar o dispositivo e desprazarse desde alí ata a algún dos areais afectados. Polo de agora, do Campo indicou que se retiraron sacos e pellets das praias de Ladeira, A Lagoa e O Vilar e continuarase peiteando os areais do parque na busca de posibles novos restos.

Ademais, explicou que ata o momento non hai constancia de que o material vertido causara danos sobre a biodiversidade da zona e asegurou que o persoal do seu departamento seguirá vixiante para poder anticiparse e intervir ante calquera posible incidencia na fauna e flora do parque natural.

O material que está chegando aos areais galegos procede do buque mercante Tocanao, que perdeu 6 contedores —un deles cargado con sacos de pellets plásticos que agora as correntes mariñas arrastran á costa— cando navegaba por augas portuguesas.

Ante esta situación a Xunta activou o Plan Territorial de Continxencias por Contaminación Mariña Accidental de Galicia (Plan Camgal) en nivel 1 e o servizo de Gardacostas mantén a vixilancia sobre todo o litoral, tanto por medios marítimos como terrestres, co obxectivo de detectar con axilidade a presenza destes materiais para que se poda proceder á súa recollida o antes posible.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/01/2024