O conselleiro do Medio Rural participou hoxe en Friol na presentación deste evento, organizado polo colectivo deportivo Hércules co apoio do goberno autonómico

O concello de Friol acollerá en xuño a primeira edición das “Olimpíadas Rurais de Galicia”

Esta cita combina xogos tradicionais e deporte nunha ampla programación que tamén inclúe gastronomía ou música, celebrarase en diferentes puntos do concello Friol o 28, 29 e 30 de xuño, coa participación dun máximo, en principio, de 24 equipos

En canto ás probas, os participantes terán que competir en distintas disciplinas: dende lanzamento de ‘adoquín’, carreira de sacos ou escalada da cucaña, ata xogos tan tradicionais como a carretilla, a cadeira da raíña ou o salto á comba, entre outros
 

Friol (Lugo), 9 de xaneiro de 2024

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, polo delegado da Xunta de Galicia en Lugo, Javier Arias, polo alcalde de Friol, José Ángel Santos, e polo presidente do colectivo deportivo Hércules, Enrique Thor López, participou esta mañá en Friol na presentación das “I Olimpíadas Rurais de Galicia”, que se celebrarán nesta localidade lucense en xuño co foco posto na dinamización e posta en valor do rural, e dalgunhas das súas tradicións máis significativas.

Na súa intervención nesta presentación, celebrada no salón de actos do centro sociocultural de Friol, José González amosou o seu apoio ao proxecto, que está organizado polo colectivo deportivo Hércules e que contará co patrocinio do Goberno autonómico. Así, puxo de relevo a confluencia de compoñentes lúdicos, turísticos e deportivos, que fan unha aposta polo medio rural e agardou “que esta sexa a primeira de moitas e que teña continuidade”.

Así mesmo, González destacou que se trata dun evento que representa o respecto pola tradición, recatando e poñendo de manifesto probas tan senlleiras como os zancos, as carreiras de sacos, a carretilla..., indicou o conselleiro. En definitiva, “xogos aos que moitos dos que estamos hoxe aquí, eu incluído, xogamos e que son parte fundamental da infancia dos nenos galegos que fomos algún día”, afirmou sobre unha cita que supón, resumiu, “un merecido acto de agradecemento a todo aquilo que nos ten dado vivir e crecer nese rural”.

Esta iniciativa nace da inquedanza do colectivo Hércules, unha asociación deportiva sen ánimo de lucro que ten como obxectivo primordial o fomento e a participación en prácticas deportivas. O colectivo, explicaron nesta presentación, tomou como referencia as únicas olimpíadas rurais que hai en España, as do pobo de Los Pedroches, en Córdoba, que levan celebrándose dende hai 14 anos.

Programación das “Olimpíadas Rurais de Galicia”

A primeira edición das “Olimpíadas Rurais de Galicia” celebrarase en diferentes puntos do concello de Friol o 28, 29 e 30 de xuño de 2024 e contará, en principio, cun máximo de 24 equipos, aínda que, explican dende a organización, prevese ir aumentando esta cifra cada ano ata chegar a un máximo de 48.

En canto ás probas, os participantes terán que competir en distintas disciplinas: dende lanzamento de ‘adoquín’, carreira de sacos ou escalada da cucaña, ata xogos tan tradicionais como a carretilla, a cadeira da raíña ou o salto á comba, entre outros.  Ademais de xogos tradicionais e deporte, a programación desta cita tamén abranguerá gastronomía ou concertos.  

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/01/2024